Vitae achega unha xornada gratuíta na Cidade das TIC sobre a IA Xenerativa

martes, 18 de febreiro do 2025 S. P.

Vitae Consultores, consultora tecnolóxica da nosa terra centrada en achegar formación avanzada sobre as máis disruptivas tecnoloxías de uso empresarial e profesional, vai organizar este mes de marzo un evento formativo e gratuíto que pon o foco nunha das tecnoloxías punteiras con meirande proxección no ámbito das empresas de desenvolvemento TIC: a Intelixencia Artificial. A xornada Utilidade da IA Xenerativa no Desenvolvemento de Software: Realidade ou Ficción? Celebrarase o vindeiro 13 de marzo na Cidade das TIC da Coruña, en horario de 11.50 a 14.00 horas.
Sobre o contexto e os obxectivos da sesión, Vitae avanza que “nun onde a Intelixencia Artificial xa está a escribir código, resolvendo problemas e ata xerando solucións innovadoras, cómpre clarificar conceptos arredor da súa utilidade (temporal ou pasaxeira), sobre a súa produtividade e eficiencia (xerará máis problemas que solucións?) e sobre os supostos apoios que vai xerar para os programadores”.
No evento diversos expertos en desenvolvemento de software falarán e debaterán con casos reais e experiencias directas, achegándonos claves sobre o futuro da IAX (IA Xenerativa) e sobre se será realmente unha opción a ter en conta ou “simplemente unha ilusión”.
Axenda
11.50 Recepción e apertura
12.00 Carlos Escudero Cascón. Director TI da UDC
12.30 Juan Martínez Neira. Director de Desenvolvemento de Software de PLEXUS
13.00 Coffe Break
13.15 Carlos González Jardón. Director de Arquitectura e Procesos TI de ABANCA
13.45 Debate e Preguntas
14.00 Peche
Relatores
– Carlos J. Escudeiro Cascón
Director TI da UDC, Universidade da Coruña
Doutor en Informática pola UDC
Catedrático no departamento de Enxeñería de Computadores da UDC
– Juan Martínez Neira
Director da área de Desenvolvemento en Plexus
Responsábel de máis de 2.000 profesionais na empresa compostelá Plexus
– Carlos Gonzalez Jardon, PMP
Director de Arquitectura e Procesos TI en Abanca
Vicepresidente Capítulo PMI en Galicia
Ex formador asociado de Vitae