Vitae achéganos á metodoloxía DISC para o impulso do talento

mércores, 6 de setembro do 2017 Redacción

A consultora Vitae está a preparar, para A Coruña e Vigo, unha nova actividade formativa encamiñada a impulsar o noso talento e o das/os nosas/os compañeiras/os. Máis polo miúdo, trátase dun obradoiro para fomentar o desenvolvemento e a valoración do potencial humano da nosa empresa e, en última instancia, para rematar con éxito todo tipo de proxectos. A nova edición do Curso Certificación Experto en DISC e Analista Conductual DISC (Certificación Oficial INTERDISC) celébrase en Vigo (Centro Social Afundación ABANCA) os días 16 e 17 de outubro e na Coruña (Hotel Attica 21) os días 23 e 24 de outubro.
Servirá, como se indica no seu nome, para introducir aos nosos profesionais do sector TIC (e outros sectores lindeiros) na metodoloxía DICSC, un modelo de traballo que estuda catro factores anticipábeis do comportamento das persoas: como respondermos a desafíos e retos, como interrrelacionar cos demais e influír neles, como responder aos cambios e ao ritmo da contorna e como respondermos ás regras e procedementos.
Segundo engade Vitae, a aplicación destes modelos e avaliacións ten probado ser unha ferramenta crítica para o éxito de profesionais, novos profesionais e emprendedores, empresas e centros educativos de todo o mundo.
A consultora tamén fai saber que DISC tamén nos axuda a comprender que existen diferentes tipos de comportamento e que todos eles, en determinadas circunstancias que lles son propicias particularmente, amosan elementos potenciais de gran interese para o ámbito empresarial e de equipas humanas.
Por certo que este curso inclúe novamente a opción de certificación experto e analista de conduta en DISC polo organismo oficial internacional INTERDISC, que é unha organización sen arela de lucro que vela pola axeitada aplicación da metodoloxía a nivel mundial.
Os obxectivos básicos do curso son os seguintes: aprender o uso profesional das avaliacións DISC; utilizar o sistema máis efectivo para comunicar, ensinar, liderar, orientar e motivar; romper barreiras de relación e resolver conflitos; obter a clave para tirar o máximo potencial aos estilos de comportamentos, converter aos profesionais en “mestres da comunicación interpersoal”.
O curso terá unha duración de 16 horas.
A formación está dirixida a todas aquelas persoas (profesionais de recursos humanos, adestradores, psicólogos, profesores, formadores, consultores, comerciais, etc) que desexen mellorar as súas habilidades nos ámbitos da selección, a avaliación, o liderado e a comunicación, aplicando unha ferramenta efectiva de diagnóstico.
A profesional encargada de impartir os contidos será Ángeles Gris, experta en formación en metodoloxías DISC e ferramentas de diagnóstico. Ángeles é máster en adestramento no Instituto HUNE da Universidade de Alcalá e certificada como analista conductual DISC polo Instituto Internacional do DISC dende 2009.

PUBLICIDADE