Vitae achéganos a segunda edición do curso para facer aplicacións con React

mércores, 27 de xaneiro do 2021 S. P.

A formación tecnolóxica avanzada foi, é e será un antídoto contra calquera tipo de crise, e tamén contra a crise sanitaria que estamos a vivir. Esta é a base da aula virtual de Vitae Consultores, que prosegue este ano a súa actividade, e de actividades formativas como o Curso Desenvolvemento de Aplicacións con React Avanzado, que chega agora á súa segunda edición logo da súa estrea o pasado outono. Serán 15 horas de formación, a desenvolver os días 1, 3, 5, 8, 10 e 12 de marzo.
O curso versará sobre React e as potencialidades que abre no ámbito frontend, que é a etiqueta que define as partes dunha web que interactúan cos usuarios, ou sexa, aquelas que lles son máis próximas aos clientes.
Segundo explica Vitae, React é unha libraría Javascript para construír interfaces de usuario que proporcionan, entre outras cousas, unha maneira doada de crear compoñentes personalizados. A maiores, sinala a consultora, “é extremadamente eficiente e flexíbel” e ten capacidade para afacerse a novas contornas e necesidades.
Por outra banda, atesoura recursos para xestionar a vista e os seus estados de xeito sinxelo, “o que incrementa a produtividade no desenvolvemento de aplicacións”.
React baséase en tres piares fundamentais: un enfoque declarativo á hora de definir a interface, o uso de compoñentes e a posibilidade de desenvolver produtos para diferentes plataformas cu único alicerce (web, aplicacións móbiles, consola).
Respecto da súa orixe, React foi materializada e mantida por Facebook e trátase dun recurso en rápido crecemento. Está a ser empregado pola devandita rede social e por outras de primeiro nivel como Instagram, Netflix, Paypal, Imgur, Feedly ou Airbnb. Segundo salientan dende a consultora de Vigo, trátase de código aberto, polo que conta cunha gran comunidade ás súas costas que velan por ela, incluíndo os propios equipos de Facebook e Instagram.
Respecto das súas posibilidades de uso, se ben é doado introducirse en React de xeito sinxelo, “para que as nosas aplicacións estean ben deseñadas e artelladas e que sexan mantíbeis é preciso que adquiramos un meirande coñecemento acerca das API dispoñíbeis e de como e cando deben usarse”, engade Vitae, que nos proporciona neste curso un vieiro eficaz para entender o funcionamento de React.
A actividade formativa está dirixida a desenvolvedores con experiencia no uso da linguaxe JavaScript, asumindo un coñecemento básico de ES2015+ e React (uso de JSX, definición de compoñentes funcionais e de clase, xestión básica de eventos e estado).
O curso será impartido por Asís García, enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña e con 14 años de experiencia como desenvolvedor, consultor e formador, ao tempo que traballou e dirixiu diferentes proxectos con diversas tecnoloxías: JavaEE, Ruby on Rails, Javascript, HTML, etc. Ten unha ampla bagaxe profesional como formador en cursos, seminarios, charlas e obradoiros de desenvolvemento de software a nivel local e estatal. Ten achegado asesoramento e formación a empresas e entidades como Inditex, R, Xunta de Galicia, Universidade da Coruña, Concello da Coruña, Caixanova, etc.

PUBLICIDADE