Vitae achéganos a segunda edición do seu curso sobre Power BI

martes, 19 de maio do 2020 S. P.

A consultora galega Vitae prosegue coa súa formación avanzada para profesionais da innovación cun completo menú de contidos anti-crise e anti-COVID. Nesta súa axenda de cursos virtuais (unha axenda adaptada plenamente ás posibilidades que nos ofrecen as novas ferramentas) inclúese para os días vindeiros a segunda edición do curso Power BI: Visualización e Data Storytelling, de dez horas de duración e programado para os días 15, 16, 17, e 18 de xuño.
Segundo informa Vitae sobre a temática desta nova actividade formativa, Power BI é unha ferramenta de análise de Microsoft que permite aos usuarios de negocio visualizar os seus datos e compartir ideas coa súa organización.
Neste curso os participantes poden aprender os conceptos básicos do modelado dimensional e as principais técnicas do deseño para crear informes que poden aplicarse en Power BI Dekstop. Amais, o alumnado familiarizarase plenamente cos conceptos básicos do modelo financeiro aplicado en situacións legais.
A actividade formativa ten os seguintes obxectivos: achegar coñecementos avanzados acerca do Power BI co fin de permitir aos participantes crear os seus propios informes empregando boas prácticas, revisar os conceptos principais do modelado e do deseño, mostrar diferentes metodoloxías para construír informes e modelos optimizados e aproximar aos profesionais á variedade de problemas que son o día o día dos laboratorios e que proporcionan, en palabras de Vitae, “unha ampla experiencia”.
O curso está dirixido a usuarios comerciais e analistas de datos que teñan (ou non) experiencia previa no uso doutras ferramentas de informes, como Microsoft Excel, e que estean a buscar un coñecemento máis fondo sobre os partes de Power BI.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE