Vitae achéganos aos beneficios das entrevistas condutuais estruturadas en selección de persoal
martes, 21 de abril do 2026
Vitae segue a achegar recursos formativos (teóricos e sobre todo prácticos) para mellorar o día a día dos profesionais dos recursos humanos e esta primavera, sen ir máis lonxe, ofrece a segunda edición do curso Deseño e Aplicación de Entrevistas Condutuais Estruturadas en Selección de Persoal. O curso, de 12 horas de duración, desenvolverase os días 26 e 27 de maio e máis o 2 e o 3 de xuño, sendo impartida pola experta Silvia Moscoso.
Vitae explica que a Entrevista Condutual Estruturada (ECE polas súas siglas) é un dos métodos de selección de persoal con maior validez preditiva, “o que converte esta técnica nun dos mellores instrumentos para avaliar o axuste das persoas aos postos e organizacións”.
Ademais, engade Vitae, a ECE posúe unhas características diferenciadas das entrevistas convencionais e require adestramento previo tanto para o seu deseño como para a súa posterior aplicación se queremos aproveitar todo o seu potencial como ferramenta de selección.
Os obxectivos deste curso son os seguintes:
-Coñecer o proceso de deseño dunha entrevista condutual estruturada e os elementos que a compoñen: competencias, preguntas e EVAS.
-Saber aplicar unha entrevista condutual estruturada e a valoración das respostas condutuais.
-Diferenciar as respostas convencionais das respostas condutuais dunha entrevista.
-Coñecer as estratexias para obter respostas condutuais.
Os contidos serán impartidos por Silvia Moscoso, doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrática de Psicoloxía do Traballo na Universidade de Santiago de Compostela. Foi Decana da Facultade de Relacións Laborais desde o ano 2012 ata o 2023. Ten catro sexenios de investigación e un de transferencia do coñecemento. Ademais, publicou máis de cincuenta artigos en revistas de prestixio como o Journal of Personality and Social Psychology, Journal of Applied Psychology, Personnel Psychology, International Journal of Selection and Assessment, European Journal of Work and Organizational Psychology ou o European Journal of Personality.
É co-autora de libros e capítulos de libros publicados en editoriais como Prentice-Hall, Edition dé Organization París, Routlege, Springer, Wiley-Blackwell, Psychology Press, Pirámide, Sainz e Torres. Investigadora principal en varios proxectos de investigación do Plan Nacional de I+D. Experiencia en xestión investigadora, foi coordinadora adxunta da AEI (Axencia Estatal de Investigación) para a área de Psicoloxía entre os anos 2012 e 2015.
Actualmente é editora asociada do Journal of Work and Organizational Psychology e membro do Editorial Board do Journal of Occupational and Organizational Psychology e do International Journal of Selection and Assessment.
