Vitae achéganos este mes unha nova edición do seu curso sobre xestión de riscos con PMI
mércores, 3 de xuño do 2020
A
consultora galega Vitae quere que os nosos profesionais do sector TIC
estean, por coñecementos, preparación e adestramento, entre os máis
capacitados do ámbito estatal e europeo. Para iso, Vitae loita
contra as complexidades operativas derivadas da COVID-19 cun completo
programa de cursos en aula virtual que poñen o punto de mira en
todos os ámbitos máis avanzados do traballo tecnolóxico e
innovador. Por exemplo a
segunda edición do curso Xestión de Riscos baixo a Metodoloxía
PMI, que inclúe 16 horas de formación e brinda aos
participantes 16 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional) e todo
o preciso para garantir unhas condicións de traballo seguras e uns
proxectos resultantes, tamén, nos que sexa posíbel confiar
plenamente. O curso organizarase online os días 22, 23, 25,
26, 29 e 30 de xuño, e os días 1 e 2 de xullo.
O
curso, moi acaído para estes tempos “COVID”, ten os seus porqués
nunha necesidade clara dos nosos profesionais: a necesidade de
liberarse da influencia de elementos externos e alleos ao seu labor,
como por exemplo crises económicas e sanitarias como a que estamos a
vivir, conflitos sociais ou cambios políticos, normativos e
regulamentarios.
Asemade, achégase como un recurso de
utilidade para divulgar metodoloxías que engadan un extra de
seguridade fronte a influencias de tipo interno, como a presión que
poden exercer os responsábeis dos equipos de traballo para cumprir
cos obxectivos marcados inicialmente, a busca dunha meirande
eficiencia, a limitación permanente de recursos ou a procura de
novos mercados e áreas de negocio.
Consecuencias
dos riscos
Segundo
informa Vitae, “os riscos poden influír negativamente na
consecución do éxito dos obxectivos do proxecto, xa sexa con
adiamentos ou sobrecustes, debendo ter en conta, ademais, a
desmotivación dos membros da organización, a insatisfacción por
parte dos clientes así como o deterioro da imaxe externa da
organización”. A consultora lembra que se a devandita situación
multiplicámola polo número de iniciativas que unha organización
desenvolve cada ano, “os prexuízos poden resultar inadmisíbeis
nos seus resultados”.
O obradoiro de Vitae diríxese a
achegar metodoloxías e recursos prácticos para minimizar o risco,
adaptábeis a múltiples situacións. Todo isto mediante o emprego
das boas prácticas recoñecidas internacionalmente para a xestión
de riscos nos proxectos. “A xestión de riscos”, explica Vitae,
“configúrase como unha disciplina que se integra co resto dos
aspectos da xestión dunha iniciativa e que achega valor engadido nas
empresas, posto que anticipa problemas e reduce a incerteza, xa que
todo proxecto, polo simple feito de poñerse en marcha, está suxeito
a unha marxe de inseguridade, que debe ser xestionada o antes
posíbel”.
O
obradoiro está dirixido a directores fundacionais, directores de
proxectos, membros de equipos de dirección de proxectos, membros de
equipos de proxectos, membros de oficinas de dirección de proxectos
ou, en xeral, profesionais involucrados no devandito ámbito de
traballo (a redución da inseguridade no desenvolvemento de
iniciativas).
O
formador
A persoa encargada de impartir os contidos
será Isaac Olalla Del Real, licenciado en Dereito (Universidade
Complutense de Madrid) amais de ser un profesional certificado co PMP
e co PMI-RMP por parte do Project Management Institute. Trátase dun
experto en xestión de iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos
de experiencia neste ámbito e preto dunha década como formador,
impartindo cursos de xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas
actividades de adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de
persoas, formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e
en xestión avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica,
Vodafone, Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio
de Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.
PMI
Para
quen non o saiba, PMI son as siglas de
Project Management Institute (PMI), a máis referencial
organización mundial adicada á dirección de proxectos. Foi fundada
en 1969 e é unha entidade sen arela de lucro que xunta profesionais
en todo o mundo (arredor de 600.0000) e cuxa sede central está en
Pensilvania. Ten máis de 200 capítulos, incluído o galego, en máis
de 125 países. O PMI é unha fonte de boa prácticas coñecidas,
recoñecidas, implementadas e avaliadas por milleiros de profesionais
en proxectos dun amplo abano de ámbitos de actividade. A entidade
internacional, amais de acreditar profesionais de xestión de
iniciativa coa certificación PMP, ten recoñecido a importancia
crecente da xestión de riscos como disciplina de traballo ao abeiro
dos proxectos, e por isto tamén acredita especialistas neste eido
mediante o recoñecemento PMP-RMP, Risk Management Professional.