Vitae achéganos formación para conseguir equipos TI máis felices e motivados
martes, 26 de outubro do 2021
Vitae
Consultores, a través da súa aula virtual, vai organizar este mes
de novembro unha actividade directamente encamiñada a sacar o mellor
de nós mesmos como profesionais, como compañeiros e como líderes
no noso grupo de traballo empresarial. Trátase
do curso Liderado e xestión de equipos en proxectos TI áxiles,
unha formación de dez horas de contidos prevista para os días 17,
19, 24 e 26 de novembro.
En
palabras de Vitae, trátase dun curso concibido para atender as nosas
necesidades actuais, diferentes xa das que había antes da pandemia:
“O escenario mudou e precisamos afianzar e desenvolver as novas
formas de traballar e aprender”. Neste contexto, sinala Vitae, o
papel do líder, así como das relacións entre os integrantes do
equipo, resulta fundamental para que os proxectos tecnolóxicos
poidan acadar o éxito.
Vitae
lembra que as organizacións dispoñen de coñecemento técnico, pero
“no momento en que un profesional pasa a xestionar proxectos
require dunha serie de habilidades para exercer a coordinación do
equipo, a comunicación cara aos seus membros e cara aos seus
responsábeis, evitar conflitos, etc”. Para a consultora galega, a
xestión destes grupos de traballo é unha “parte nuclear” da
xestión de proxectos, por iso os mellores líderes son os que contan
“coas habilidades sociais precisas para a xestión de equipos”.
O
curso está dirixido a calquera persoa que queira mellorar en
liderado e en xestión de equipos TI (Tecnoloxías da Información).
A
encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso
Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade
coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do
Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do
Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina
Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do
desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros
de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC,
Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas
entidades).