Vitae adestra ás nosas empresas na selección dos profesionais TIC máis indicados
martes, 22 de xaneiro do 2019
Cómpre
non enganarse: entre as profesións do futuro (e do presente no que
vivimos, aquí e agora) están sen dúbida as profesións
relacionadas coas novas tecnoloxías da información. E para quen
aínda non acredite neste dato, non ten máis que escoitar aos
especialistas en mercados e tendencias: a demanda de xente que axude
na transformación dixital medra cada ano a paso de xigante. Porén,
cada cambio radical que experimenta o tecido produtivo achega unha
serie de desafíos. Un dos cales é o de como resolver as dúbidas
das empresas sobre que tipos de profesionais TIC lles son os máis
indicados. Para despexar dúbidas e formar ás compañías para
tomar, a respecto do devandito, as máis sabias decisións, Vitae
Consultores vén
de convocar a duodécima edición do seu Curso de Avaliación e
Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseadas na
Neurociencia.
O
obradoiro, de 20 horas de duración, celebrarase na Coruña os días
11, 12, 18 e 19 de febreiro, no Hotel Attica 21.
O curso, moi
acaido para directores de proxecto e profesionais dos recursos
humanos, achega solucións prácticas para emendar unha das
principais eivas da análise profesional do noso tempo: a falta de
instrumentos axeitados, eficaces e flexibles, para valorar que tipos
de talentos ten un profesional candidato a formar parte dun proxecto
ou empresa. Tamén se busca dotar aos directores de proxectos e aos
profesionais de recursos humanos das ferramentas precisas para saber
formular as súas necesidades e interpretar, tamén, as diferentes
propostas que se fagan en resposta a esas necesidades.
Segundo
explican dende Vitae, o primeiro paso para calibrar a outro
profesional será aprender a calibrarnos a nós mesmos. “Coñecéndonos
deste xeito acadaremos meirande obxectividade na avaliación doutras
persoas”, sinalan dende a consultora, engadindo que neste curso
subministraranse as ferramentas e recursos máis indicados para
lograr o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais, sexa
cal sexa o modelo de avaliación do desempeño do que se bote
finalmente man.
Para Vitae, é unha realidade incontestable
que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI)
demanda cada vez máis profesionais dos dispoñibles no mercado
laboral, o que xera tensións nas empresas en canto a dar cumprido
cos compromisos profesionais en calidade e prazo cos clientes de seu
e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
O curso que presenta Vitae céntrase “na eficacia, en que
facer, máis que na eficiencia, en como facer, para seleccionar
candidatas/os e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en
contornas de escaseza de traballadores, aínda que ambas as facetas,
a eficacia e a eficiencia, son necesarias para o éxito nos procesos
de selección e avaliación”.
En definitiva, neste curso
proporcionarase un método e unhas ferramentas coas “que se
conseguiu unha porcentaxe de éxito de máis do 90% en selección de
perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de
proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta
dirección”, informan os organizadores do obradoiro.
O curso
virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres
décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías
e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster
en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de
Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense
responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000
procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.
