Vitae adéstranos cun novo curso no manexo de datos coas ferramentas de Microsoft Office

martes, 11 de maio do 2021 S. P.

Vitae Consultores organiza esta tempada un curso para converternos en expertos no manexo e xestión dos datos, a través de Excel e varias potentes ferramentas que están integradas nas últimas versións da suite ofimática Microsoft Office, que son Power Query, Power Pivot e DAX. Grazas a esta actividade formativa, estaremos en disposición de elaborar cadros de mandos e tirarlles o máximo proveito, adros que dean resposta ás principais preguntas que nos vaiamos formulando no noso día a día profesional. Estamos a falar da segunda edición do Curso Microsoft Power Excel con Power Query, Power Pivot e DAX, que se celebra en formato de aula virtual os días 7, 8, 9, 10, 14, 15, 16 e 17 de xuño. Serán 20 horas de formación en total.
Segundo informa Vitae, esta actividade tamén servirá para que coñezamos polo miúdo as principais características do traballo con Power Qurery para a preparación dos datos, e de Power Pivot para modelar e crear cálculos con DAX, e para pasar estes datos a un proxecto con Power BI.
En definitiva, teremos oportunidade de adestrarnos no seguinte:
· Conectarnos aos datos, darlles forma e cargalos para a súa análise.
· Visualizar os resultados con táboas dinámicas.
· Crear un informe que conecte táboas e gráficos dinámicos para visualizar os resultados da análise sobre os datos iniciais.
· Iniciar un proxecto cos nosos datos de Excel en Power BI.
O curso está dirixido a usuarias e usuarios de negocio acostumados a traballar e analizar información con Excel que busquen, ou precisen, desenvolver o seu día a día profesional con maiores cantidades de datos e dun xeito máis automatizado.
O curso será impartido por Juan Naya, enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans, Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst Associate.

PUBLICIDADE