Vitae aproxímanos novamente ás boas prácticas de desenvolvemento e operacións da biblioteca ITIL

mércores, 2 de xuño do 2021 S. P.

Se nos ocupamos de desenvolver software, necesitaremos de algo máis que obxectivos claros e formación avanzada. Necesitaremos pautas, claves previamente establecidas e unha metodoloxía de traballo que deixe a mínima marxe posíbel para o impreciso e o indeterminado. Acadar formación neste punto segue a ser fundamental para conseguir os mellores resultados no ámbito concreto do desenvolvemento tecnolóxico. Como de costume, Vitae Consultores achéganos respostas das que botar man. Esta tempada faino cunha nova edición, a número 11, do seu Curso de ITIL Foundations en IT Service Management.
Mediante este curso achégasenos unha nova oportunidade para familiarizarnos coa administración avanzada de servizos tecnolóxico-dixitais baseada nas boas prácticas de xestión, desenvolvemento e operacións que brindan os conceptos reunidos na Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información (ITIL polas súas siglas en inglés).
A onceava edición deste curso, que vén con opción a certificación, vaise desenvolver online cunha duración de 18 horas, os días 21, 22, 23, 28, 30 de xuño e 1 de xullo de 2021. Será impartido por un formador acreditado dun centro oficial e autorizado (provedor certificador de ITIL).
O curso, segundo informa Vitae, brinda aos participantes o coñecemento dos principios e elementos principais da xestión de servizos de TI (ITSM) baseada nas boas prácticas definidas na ITIL. Asemade, ao seu remate fornece a posibilidade de obter a certificación ITIL Foundation in IT Service Management (última versión).
A finalidade da acción formativa é dotar aos participantes de recursos que lles axuden a cumprir polo miúdo as necesidades dos clientes e da propia organización ao abeiro dos diferentes procesos de negocio. Ou sexa, que se trata de equipalos con prácticas estandarizadas que lles axuden a optimizar o servizo ao tempo que reorganizan a maneira de traballar e o departamento de TI.
O público obxectivo ao que se dirixe esta actividade formativa son xerentes e responsábeis de servizos e infraestruturas tecnolóxicas da información, propietarios de procesos, responsábeis de aplicacións, proxectos e negocios relacionados coas novas tecnoloxías e membros e membros da xerencia de novas tecnoloxías relacionados co soporte e entrega dos servizos.
Os bloques temáticos son Xestión de servizo e ciclo de vida do servizo, Estratexia de servizo, Deseño de servizo, Transición de Servizo, Operación de Servizo e Mellora continua do servizo. O curso desenvolverase no Centro Social AFundación.
O encargado de impartir os contidos será Guillermo Hernández Fernández, enxeñeiro superior en Informática pola Universidade Complutense de Madrid e experto en materia de ITIL e en integración de servizos na nube seguros.

PUBLICIDADE