Vitae brinda a novena edición do seu curso para mellorar comunicacións e presentacións

mércores, 19 de maio do 2021 S. P.

Se os datos son relevantes de por si, un dos principais activos das empresas, tamén o é o xeito que asumimos para xestionalos, presentalos e subministralos a compañeiros, colaboradores ou clientes. Das metodoloxías empregadas para dar forma, contexto e envoltorio á información depende as máis das veces o éxito dun proxecto. Estes recursos, que comezaron a empregarse hai milleiros de anos en todo intre en que se fixo necesario que un individuo se fixera entender polo miúdo diante doutros, seguen vixentes hoxe en día, nestes tempos tecnolóxicos, nos que a dificultade dos termos a utilizar obríganos a redobrar esforzos para ser máis claros, concisos e directos. Para axudarnos nisto, Vitae Consultores celebra os días 14, 15, 16 e 17 de xuño a novena edición do seu Curso Comunicacións e Presentacións Eficaces. Será novamente unha actividade formativa online, a celebrar a través da aula virtual de Vitae. Inclúe oito horas de formación.
A finalidade do curso para polo seguinte: brindar claves aos profesionais que posúan responsabilidades en dirección de proxectos se comuniquen acotío con clientes, superiores ou colegas de profesión, e, sobre todo, cos seus colaboradores directos, que adoitan estar (con cada ano que pasa) cada vez máis preparados e que agardan dos seus responsábeis “unha coordinación e unha comunicación eficaz que lles permita optimizar os seus esforzos”.
O curso vén con este plan de traballo:
· Como planificar unha presentación (forneceranse as ferramentas precisas para sistematizar o proceso natural de preparación dunha presentación: investigar cal é a composición e cales as expectativas da audiencia, axustar os contidos ás circunstancias, coñecer con exactitude a mensaxe que precisamos comunicar e, por enriba de todo, inspirar na audiencia o cambio desexado).
· Como estruturar apropiadamente os contidos (familiarizarémonos con ferramentas para seleccionar os elementos da nosa presentación e “para ordenalos nun inicio de impacto, un corpo ben organizado e unha conclusión memorábel”).
· Como deseñar de maneira eficaz os elementos visuais (descubriremos as distintas maneiras de maquetar o contido, como espremer os elementos multimedia e como empregar os mellores gráficos para contar visualmente a historia soterrada baixo os datos).
O curso está dirixido a calquera profesional “que desexe mellor as súas comunicacións e presentacións orais, teña ou non responsabilidades na dirección de proxectos”. Tamén se encamiña a profesionais con responsabilidades en proxectos que decote deban comunicar e presentar de xeito verbal as súas ideas para a motivación dos seus colaboradores.
O curso será impartido por Gonzalo Álvarez Marañón, enxeñeiro superior de Telecomunicación e formador de expertas e expertos en comunicación. É doutor en Informática pola UPM (ano 2000) e adestrador asociado de SUN pola ICF. Adicou os seus primeiros quince anos de actividade profesional á seguridade informática e á comunicación dos seus achados en diversas canles e plataformas. Este labor foi complementado cun intenso traballo formativo dentro de organizacións, con charlas sobre seguridade informática desenvolvidas por todo o mundo nos foros máis variados. Logo desta andaina comezou a axudar a empresas e particulares a presentar as súas ideas con seguridade e confianza para mover ás súas audiencias á acción. Ten formado a milleiros de directivos e profesionais en xeral de todos os sectores.

PUBLICIDADE