Vitae brinda en marzo unha actividade formativa para dominar a linguaxe DAX

martes, 22 de febreiro do 2022 S. P.

Sen dúbida hai recursos de utilidade ao noso dispor para tirar o máximo proveito dos datos, pero entre os máis destacados figura por dereito propio a linguaxe DAX (Data Analysis Expressions), que, entre outras cousas, permite ir máis alá dunha simple xestión para meternos de cheo no eido da análise intelixente da información, con todo o que iso implica (por exemplo conseguir na nosa empresa acadar a máxima excelencia en cada proxecto e tomar sempre as máis axeitadas decisións). Formarnos en DAX Avanzada, e converternos en expertos de Power BI, é un dos grandes obxectivos do curso que Vitae Consultores celebra en formato de aula virtual os días 21, 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31. Serán 20 horas de actividade formativa.
O Curso DAX Avanzado para Power BI pon o foco en axudarnos a entender o alcance desta linguaxe, amais de dominala, xa que, como ben teñen sinalado os dous grandes gurús desta metodoloxía de traballo, Marco Russo e Alberto Ferrari, “DAX é simple pero non sinxelo”.
O curso ten por obxectivo, en palabras de Vitae, “axudarnos a profundar na linguaxe DAX proporcionando habilitades avanzadas para a súa utilización práctica na realización de cadros de mandos con Power BI”.
A consultora galega Vitae tamén explica que non se trata dunha actividade formativa de Power BI en xeral, “se ben todo o curso realizarase en Power BI e se ben comentaremos aspectos do seu ecosistema, gran parte do contido podería aproveitarse en Excel, dende Power Pivot”. Amais, engade, tampouco se trata dun curso centrado exclusivamente en Power Query nin tampouco é un obradoiro monotemático sobre integración de datos, pero iso si, “cumprirá conectar os datos do exemplo e comentar as diferencias de realizar operacións dende ETL ou dende DAX”, apuntan dende Vitae. Ademais, o curso irá máis alá de formarnos en modelado de datos (aínda que en algún intre será preciso entendelo e comprobar as relacións e opcións que se poden propor) e das visualizacións e a creación de dashboards (malia que dalgún xeito haberá que ir comprobando o que se vai realizando).
En definitiva, trátase dunha actividade formativa na que se mostrará como crear medidas ou métricas que sexan de utilidade para responder ás preguntas de negocio que poidan ir xurdindo.
Estes son os obxectivos do curso, punto por punto:
-Entender a linguaxe DAX.
-Utilizar as principais funcións e coñecer os seus posíbeis usos.
-Crear medidas con boas prácticas.
-Comprender o contexto e ser capaces de modificalo.
-Amosar programas auxiliares que axuden a facilitar as tarefas ou dean novas alternativas.
-Aplicar diferentes técnicas para situacións diversas que se poden propoñer nun dashboard.
O curso será impartido por Juan Naya, enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans, Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst Associate.

PUBLICIDADE