Vitae brinda en novembro un curso centrado nas funcionalidades de protección de Microsoft Purview

martes, 21 de outubro do 2025 S. P.

A consultora galega Vitae, referente estatal en formación tecnolóxica avanzada, vai organizar este mes de novembro un novo curso para profesionais TI que achega importantes recursos en materia de ciberseguridade: o curso Microsoft Purview (MIP DLP): Protección da Información e Prevención de Perda de Datos. Terá unha duración de 12 horas e celebrarase os días 7, 14, 21 e 28 de novembro de 2025.
Segundo informa Vitae para poñernos en contexto sobre as orixes e obxectivos desta formación, Microsoft Purview converteuse a día de hoxe na solución central da compañía norteamericana para a protección da información, a prevención de perda de datos e o cumprimento normativo en contornas Microsoft 365 e Azure.
Este curso ofrece, en palabras de Vitae, “unha visión práctica e avanzada sobre o uso das ferramentas de Microsoft Information Protection (MIP) e Data Loss Prevention (DLP) integradas na plataforma Purview”.
A través dun enfoque técnico e aplicado, o alumnado aprenderá a despregar, configurar e auditar políticas de protección e prevención en múltiples contornas, incluíndo M365, Endpoints, Power BI, Teams e File Servers. Aprenderase a asegurar e auditar a información sensible contida nas Ferramentas de M365 como Word, Excel, Outlook, Teams, Power BI, etc... ademais de analizar e controlar as fugas de información confidencial e clasificada como estratéxica para a empresa.
Obxectivos
-Comprender a arquitectura de Microsoft Purview e o seu enfoque na xestión e protección da información.
-Configurar etiquetas de confidencialidade e políticas de protección (MIP).
-Despregar e xestionar políticas de prevención de perda de datos (DLP) en múltiples contornas.
-Integrar Microsoft Purview con ferramentas como Power BI, Teams, File Servers, e Copilot M365.
-Auditar actividades e xestionar alertas mediante Activity Explorer, Audit Logs e Defender.
-Coñecer configuracións avanzadas con PowerShell e recomendacións de despregamento.
O curso achegarase a través da aula virtual de Vitae con sesións gravadas para podermos consultalas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso.
Os contidos serán impartidos por Ángel Aguado, consultor sénior en ciberseguridade e cumprimento normativo, ademais de especialista en Microsoft Purview, DLP e Protección da Información. É enxeñeiro de Telecomunicacións e actualmente consultor sénior na área de Ciberseguridade de Repsol, onde lidera a estratexia de protección da información dentro do equipo de Control e Cumprimento. A súa traxectoria profesional está centrada na aplicación de solucións avanzadas de clasificación de datos, cifrado, prevención de perda de información (DLP), auditoría, etiquetaxe e seguridade na nube, especialmente en contornas Microsoft 365 e Azure mediante a plataforma Microsoft Purview. Con máis de 5 anos de experiencia especializada en protecciónd e datos e privacidade, traballou previamente como consultor en Deloitte, participando e liderando proxectos para grandes organizacións nacionais e internacionais. Durante a súa etapa en Deloitte, formou parte de equipos dedicados ao despregamento de solucións de clasificación de datos, políticas de prevención de fugas, automatización de controis de cumprimento e análise funcional de tecnoloxías como MIP e DLP.
No seu posto actual en Repsol, Ángel encárgase tamén da automatización e reporting de controis de ciberseguridade, o que lle deu experiencia no uso de ferramentas GRC, arquitectura de informes e xestión do backlog de iniciativas de cumprimento.