Vitae bríndanos as pautas para as máis óptimas comunicacións dos nosos proxectos

martes, 28 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

De pouco ou nada serven as grandes ideas e as mellores intencións se non damos atopado a fórmula exacta para expoñelas e ilustralas. Polo camiño, a mensaxe corre o risco de perderse e esta non atopa o mellor dos traxes posíbeis. Isto vale para o día a día de calquera profesional, e tamén, para as e os profesionais das novas tecnoloxías da información, que teñen co loitar contra todos os elementos dispostos (escasa clarificación, conceptos complexos, termos ambiguos que cada pouco cambian de significado) para entorpecer as súas comunicacións. Para despexar o camiño, Vitae Consultores organiza na Coruña a sétima edición do seu Curso Comunicacións e Presentacións Eficaces. Será unha actividade formativa de oito horas, a desenvolver nunha única xornada: a do 21 de febreiro.
Polo que respecta aos obxectivos, trátase de ofrecer unha serie de recursos de valor aos profesionais que posúan responsabilidades en dirección de proxectos e, por esta razón, comunícanse acotío con clientes, superiores ou colegas de profesión, e, sobre todo, cos seus colaboradores directos, que adoitan estar (con cada ano que pasa) cada vez máis preparados e que agardan dos seus responsábeis “unha coordinación e unha comunicación eficaz que lles permita optimizar os seus esforzos”, sinala Vitae, engadindo que o curso, para obter a máxima eficacia, virá coa seguinte folla de ruta: como planificar unha presentación (forneceranse as ferramentas precisas para sistematizar o proceso natural de preparación dunha presentación: investigar cal é a composición e cales as expectativas da audiencia, axustar os contidos ás circunstancias, coñecer con exactitude a mensaxe que precisamos comunicar e, por enriba de todo, inspirar na audiencia o cambio desexado), como estruturar apropiadamente os contidos (familiarizarémonos con ferramentas para seleccionar os elementos da nosa presentación e “para ordenalos nun inicio de impacto, un corpo ben organizado e unha conclusión memorábel”) e como deseñar de maneira eficaz os elementos visuais (descubriremos as distintas maneiras de maquetar o contido, como espremer os elementos multimedia e como empregar os mellores gráficos para contar visualmente a historia soterrada baixo os datos).
O curso está dirixido a calquera profesional “que desexe mellor as súas comunicacións e presentacións orais, teña ou non responsabilidades na dirección de proxectos”. Tamén se encamiña a profesionais con responsabilidades en proxectos que decote deban comunicar e presentar de xeito verbal as súas ideas para a motivación dos seus colaboradores.
O curso será impartido por Gonzalo Álvarez Marañón, enxeñeiro superior de Telecomunicación e formador de expertas e expertos en comunicación. É doutor en Informática pola UPM (ano 2000) e adestrador asociado de SUN pola ICF. Adicou os seus primeiros quince anos de actividade profesional á seguridade informática e á comunicación dos seus achados en diversas canles e plataformas. Este labor foi complementado cun intenso traballo formativo dentro de organizacións, con charlas sobre seguridade informática desenvolvidas por todo o mundo nos foros máis variados. Logo desta andaina comezou a axudar a empresas e particulares a presentar as súas ideas con seguridade e confianza para mover ás súas audiencias á acción. Ten formado a milleiros de directivos e profesionais en xeral de todos os sectores.

PUBLICIDADE