Vitae bríndanos en outubro todo o que precisamos saber sobre Microsoft Copilot
mércores, 11 de setembro do 2024
A consultora galega Vitae vai ofrecer o vindeiro mes unha nova edición (a segunda) do seu curso Dominando Microsoft Copilot para M365. Trátase dunha actividade formativa de nove horas de duración que nos desvela todos os segredos da nova solución de produtividade e colaboración baseada en Intelixencia Artificial para M365. Desenvolverase os días 14, 16 e 18 de outubro.
Nun plano máis específico, neste curso as persoas asistentes verán de maneira xeral as posibilidades de Copilot para M365 e outros produtos do ecosistema de Microsoft, con vistas a tomaren a decisión do seu emprego e da contratación ou non de Copilot en base ás necesidades específicas de cada asistente.
Veranse as diferentes posibilidades de licenzas de contratación de Copilot e os seus custos correspondentes, as potencialidades da solución en Outlook para crear borradores de correos electrónicos e resumir conversas, as funcionalidades de Copilot en Word (creación de primeiros borradores, agregación de contido a documentos existentes, resumos de texto para que sexan máis concisos, etc) ou as posibilidades que presenta na folla Excel (como analizar e explorar os datos de forma que poidamos tomar as mellores decisións, como identificar tendencias, propoñer escenarios hipotéticos e obter suxestións para mellorar o noso negocio).
Amais, botarase luz na marxe de actuación en PowerPoint, con vistas a converter documentos de Word existentes en presentacións e axudándonos a crear novas presentacións a partir de esquemas ou indicacións simples (atopando os mellores lugares para incluír imaxes de impacto).
Este curso está deseñado para ver dunha maneira xeral Microsoft Copilot IA, e así “poderemos ter unha idea acertada das posibilidades actuais desta ferramenta baseada en IA e a súa utilidade real”, informou Vitae.
Os obxectivos deste curso son acadarmos un coñecemento xeral en Copilot, mellorando a eficiencia no traballo coa suite Office en particular e o resto dos programas M365 en xeral; integrar Copilot para optimizar a administración de proxectos e promover colaboración entre equipos; desenvolver habilidades en Intelixencia Artificial para destacar traballando coas máis novas ferramentas tecnolóxicas; obter un coñecemento xeral de Copilot para axudarnos á hora de comezar a traballar con el e contratar ou non a licenza máis idónea para cada asistente; aprender a crear os nosos Copilots personalizados utilizando a ferramenta Copilot Studio.
O curso está dirixido a persoas usuarias de M365 ou administradores de M365, interesadas en mellorar os procesos e optimizar operacións dentro das súas organizacións.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Hugo Ramallo, especialista en Intelixencia Artificial e Transformación Dixital, ademais de experto na integración e capacitación en IA aplicada á educación e a contorna empresarial. No ámbito académico, conta con múltiples certificacións en IA e aprendizaxe automática de institucións como IBM, Stanford e Google. Dispón dun curso de experto universitario en Intelixencia Artificial e Big Data e un Mestrado en IA e Innovación.
Actualmente é CEO (director executivo) e co-fundador de GlobalCobots, unha empresa dedicada á formación e a integración de IA en centros educativos.
Ademais, é membro do departamento de educación en OdiseIA, un observatorio sobre o impacto social e ético da Intelixencia Artificial.