Vitae bríndanos na recta final de xuño unha nova edición do seu curso anti-conflitos
martes, 30 de maio do 2023
A
consultora tecnolóxica Vitae, con sedes principais en Vigo, A Coruña
e Madrid, vai achegarnos neste inicio do verán unha actividade
formativa que nos pode botar unha man á hora de garantir o mellor
clima de traballo posíbel na nosa empresa, favorecendo a harmonía,
a colaboración e máis a calidade de vida e, en consecuencia, a
rendibilidade, a eficiencia, a eficacia, a competitividade e a
excelencia empresarial. Trátase da segunda edición do Curso
Resolución de Conflitos, que se desenvolve a través do formato
de aula virtual os días 26, 27 e 29 de xuño, impartido polo
experto Javier Rovira.
Ao
longo de nove horas de duración, mostraranse exemplos concretos de
problemáticas laborais e amosaranse xeitos de evitalas e resolvelas,
ao tempo que se resolverán boa parte das preguntas que nos asaltan
ao tratar a cuestión dos conflitos laborais.
“Este
seminario”, informa a consultora galega Vitae, “pretende facer un
percorrido sobre os elementos máis importantes do conflito, sendo o
seu obxectivo principal axudar aos participantes a entender e
xestionar mellor os desencontros persoais ou profesionais que deban
abordar no seu día a día”.
O seminario, de nove horas de
duración, basea o seu alicerce tecnolóxico nos conceptos de
Formación Activa e Student Centred Learning. “Ambas estratexias
pedagóxicas”, engade Vitae, “requiren da participación activa
do estudante como método de aprendizaxe baixo as instrucións do
formador, cuxo rol é o de dinamizador, impulsor de criterio e de
significado e significantes”. Noutras palabras, “o grao de
aprendizaxe do alumno dependerá da súa implicación persoal activa
no proceso”.
Os obxectivos concretos do curso son os
seguintes:
-Dotarnos dun rol de liderado e proactivo na
resolución de conflitos.
-Mellorarmos a eficiencia e a
eficacia persoal e organizativa e xestionar mellor os desencontros
entre membros do noso equipo.
A persoa encargada de impartir o
curso será Javier Rovira, licenciado en Dereito e Administración de
Empresas polo ICADE, mestrado en Dirección Xeral polo IESE e
Doutorado en Economía de Empresa (DEA pola Universidade Rei Xoán
Carlos). Foi profesor da ESIC Business & Marketing School e é
socio director de Know How NP, consultora especializada en estratexia
de innovación e desenvolvemento organizativo, tendo unha dilatada
experiencia en diferentes sectores. Foi director xeral de González
Byass, director xeral de Neck & Neck, conselleiro delegado de
Sabelma, director de Laboratorios Babé e director de Marketing e
Desenvolvemento Estratéxico de Bebidas Pepsico. Coo consultor e
formador traballou con empresas como Microsoft, Terra, Monsanto,
Prisa, Axencia Tributaria, Telefónica, RENFE, Dell España, Lucent,
El Corte Inglés ou Porche-Saab España, entre outras moitas. Ten no
seu haber unhas 10.000 horas de consultoría e unha bagaxe formativa
de máis de 5.000 profesionais e directivos.