Vitae bríndanos unha nova oportunidade de asistir ao seu curso de introdución á ciberseguridade no posto de traballo

martes, 25 de maio do 2021 S. P.

Para sermos bos profesionais das novas tecnoloxías ou de calquera outro ámbito de traballo, non abonda, hoxe en día, con desenvolver axeitadamente o labor propiamente dito que nos foi encomendado. Cómpre acompañar todas as tarefas cotiás de medidas que garantan a seguridade e a protección das informacións e as comunicacións que nos atinxan e atinxan aos demais, salvagardando o noso, o da nosa empresa e tamén o dos compañeiros, colaboradores, socios e clientes. Co fin de achegarnos recursos eficaces neste punto, Vitae Consultores organiza esta tempada a segunda edición do curso Introdución á Ciberseguridade TI no Posto de Traballo.
Serán 15 horas de formación, a desenvolver a través da aula virtual de consultora galega. Os contidos impartiranse os días 15, 17, 21, 23, 28 e 30 de xuño.
Segundo explican fontes de Vitae, esta actividade formativa “aportará os coñecementos e as ferramentas precisas ao traballador para que coñeza o seu papel se atope totalmente concienciado coa necesidade de ser parte activa da seguridade TI na súa empresa, integrándose nos esquemas de seguridade que se atopen despregados e entendendo como dar cumprimento ás diferentes normas legais en protección tecnolóxica, así como a automatización das boas prácticas á hora de manexar activos na organización”.
En concreto, familiarizarase ás persoas asistentes cos seguintes puntos:
-Os fundamentos da seguridade informática no posto de traballo.
-Os fundamentos tecnolóxicos e a súa seguridade.
-Os regulamentos actuais en materia de protección da información, como a RGPD e a LOPD.
-As pautas para previr os riscos na seguridade TI no posto de traballo.
O curso está dirixido aos profesionais que empreguen as tecnoloxías da información no seu día a día, de calquera sector ou área. Non será preciso ter ningún coñecemento previo de ciberseguridade ou seguridade TI.
A persoa encargada de impartir esta actividade formativa será Gonzalo Sotelo, responsábel do equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, diplomado en Policía Xudicial pola Universidade Complutense e en Investigación Tecnolóxica pola Garda Civil, Europol e Interpol, amais de ter formación de diferentes cursos relativos á seguridade informática e a investigación tecnolóxica.

PUBLICIDADE