Vitae comeza ano capacitándonos na xestión efectiva (e recoñecida) de riscos

xoves, 3 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores comeza ano achegándonos novas actividades para seguir avanzando no camiño da excelencia e da capacitación integral como profesionais das novas tecnoloxías. Este mes de xaneiro a consultora galega ofrece un obradoiro moi indicado para lograr as mellores condicións de seguridade e certeza no desenvolvemento dos nosos proxectos TIC. Estamos a falar do curso Xestión de Riscos baixo a metodoloxía PMI. A actividade, que nos proporciona 15 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional, polas súas siglas en inglés Professional Development Unit) a validar polo PMI (Project Management Institute), celébrase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 18, 19 e 25 de xaneiro. Serán, en total, 15 horas de formación.
Segundo explica a consultora, esta acción formativa vén moi a conto para garantir unha contorna de traballo ceibe das complexidades derivadas da influencia de elementos externos e alleos ao noso labor, como por exemplo crises económicas, conflitos sociais ou cambios políticos, normativos e regulamentarios.
Asemade, seranos útil para pór en práctica metodoloxías que engadan un extra de seguridade fronte a influencias de tipo interno, como a presión que poden exercer os responsábeis dos equipos de traballo para cumprir cos obxectivos marcados inicialmente, a busca dunha meirande eficiencia, a limitación permanente de recursos ou a procura de novos mercados e áreas de negocio. Todo isto, de non poñérselle freo de maneira axeitada, deriva nunha meirande marxe de risco: un dos principais atrancos para a chegada a bo porto dun proxecto empresarial.
Segundo informa Vitae, “os riscos poden impactar de maneira negativa na consecución do éxito dos obxectivos do proxecto, xa sexa con adiamentos, sobrecustes ou corrupción do alcance, debendo ter en conta, ademais, a desmotivación dos membros da organización, a insatisfacción por parte dos clientes así como o deterioro da imaxe externa da organización”. A consultora lembra que se a devandita situación multiplicámola polo número de iniciativas que unha organización desenvolve cada ano, “os prexuízos poden resultar inadmisíbeis nos seus resultados”.
Tendo en conta todo isto, a pregunta que nos podemos facer: como manter a raia os riscos? E, tamén e sobre todo: como saber identificalos? O obradoiro de Vitae diríxese precisamente a resolver estas cuestións con metodoloxías e recursos prácticos, adaptábeis a múltiples situacións. Todo isto mediante o emprego das boas prácticas recoñecidas internacionalmente para a xestión de riscos nos proxectos. “A xestión de riscos”, explica Vitae, “configúrase como unha disciplina que se integra co resto dos aspectos da xestión dunha iniciativa e que achega valor engadido nas empresas, posto que anticipa problemas e reduce a incerteza, xa que todo proxecto, polo simple feito de poñerse en marcha, está suxeito a unha marxe de inseguridade, que debe ser xestionada o antes posíbel”.
Para quen non o saiba, PMI son as siglas de Project Management Institute (PMI), a máis referencial organización mundial adicada á dirección de proxectos. Foi fundada en 1969 e é unha entidade sen arela de lucro que xunta profesionais en todo o mundo (arredor de 600.0000) e cuxa sede central está en Pensilvania. Ten máis de 200 capítulos, incluído o galego, en máis de 125 países. O PMI é unha fonte de boa prácticas coñecidas, recoñecidas, implementadas e avaliadas por milleiros de profesionais en proxectos dun amplo abano de ámbitos de actividade. A entidade internacional, amais de acreditar profesionais de xestión de iniciativa coa certificación PMP, ten recoñecido a importancia crecente da xestión de riscos como disciplina de traballo ao abeiro dos proxectos, e por isto tamén acredita especialistas neste eido mediante o recoñecemento PMP-RMP, Risk Management Professional.
O curso que desenvolve Vitae este mes de xaneiro pode considerarse de nivel avanzado en xestión de riscos, poñendo en xogo máis datos (e máis detallados) sobre a materia cá certificación PMP, baseado no estándar de práctica do PMI para o traballo de minimizar a marxe de inseguridade no desenvolvemento de iniciativas TIC.
O obradoiro está dirixido a directores fundacionais, directores de proxectos, membros de equipos de dirección de proxectos, membros de equipos de proxectos, membros de oficinas de dirección de proxectos ou, en xeral, profesionais involucrados no devandito ámbito de traballo (a redución da inseguridade no desenvolvemento de iniciativas).
O formador
A persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real, licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas, formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone, Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE