Vitae comparte en decembro recursos para resolver problemáticas no noso equipo profesional
mércores, 20 de novembro do 2024
A consultora galega Vitae ofrécenos en decembro a quinta edición dunha proposta formativa que nos axuda a garantir a máis óptima operatividade do noso equipo profesional, favorecendo a aplicación de medidas que resolvan problemas e oposicións e aseguren o mellor ambiente posíbel. Estamos a falar do Curso Resolución de Conflitos, previsto (en formato de aula virtual) para os días 2, 3 e 9 de decembro.
Ao longo de nove horas de formación, mostraranse situacións reais e particulares de conflitos na empresa e achegaranse metodoloxías para favorecer o seu arranxo, ao tempo que se resolverán dúbidas sobre afrontar estas problemáticas.
“Este seminario”, informa a consultora galega Vitae, “pretende facer un percorrido sobre os elementos máis importantes do conflito, sendo o seu obxectivo principal axudar aos participantes a entender e xestionar mellor os desencontros persoais ou profesionais que deban abordar no seu día a día”.
O seminario, de nove horas de duración, basea o seu alicerce tecnolóxico nos conceptos de Formación Activa e Student Centred Learning. “Ambas estratexias pedagóxicas”, engade Vitae, “requiren da participación activa do estudante como método de aprendizaxe baixo as instrucións do formador, cuxo rol é o de dinamizador, impulsor de criterio e de significado e significantes”. Noutras palabras, “o grao de aprendizaxe do alumno dependerá da súa implicación persoal activa no proceso”.
Os obxectivos concretos do curso son os seguintes:
· Dotarnos dun rol de liderado e proactivo na resolución de conflitos.
· Mellorarmos a eficiencia e a eficacia persoal e organizativa e xestionar mellor os
desencontros entre membros do noso equipo.
A persoa encargada de impartir o curso será Javier Rovira, licenciado en Dereito e Administración de Empresas polo ICADE, mestrado en Dirección Xeral polo IESE e Doutorado en Economía de Empresa (DEA pola Universidade Rei Xoán Carlos). Foi profesor da ESIC Business & Marketing School e é socio director de Know How NP, consultora especializada en estratexia de innovación e desenvolvemento organizativo, tendo unha dilatada experiencia en diferentes sectores. Foi director xeral de González Byass, director xeral de Neck & Neck, conselleiro delegado de Sabelma, director de Laboratorios Babé e director de Marketing e Desenvolvemento Estratéxico de Bebidas Pepsico. Coo consultor e formador traballou con empresas como Microsoft, Terra, Monsanto, Prisa, Axencia Tributaria, Telefónica, RENFE, Dell España, Lucent, El Corte Inglés ou Porche-Saab España, entre outras moitas. Ten no seu haber unhas 10.000 horas de consultoría e unha bagaxe formativa de máis de 5.000 profesionais e directivos.