Vitae convértenos cun novo curso en expertos en testing

martes, 12 de maio do 2020 S. P.

Se ben a formación innovadora foi sempre unha das mellores armas dos profesionais e das empresas para medrar no mercado laboral e empresarial, nestes tempos de crise sanitaria e económica este tipo de formación aínda cobra máis protagonismo e urxencia. Vitae, unha das máis activas consultoras tecnolóxicas dos ámbitos galego e estatal, sábeo ben, de aí que nos estea a ofrecer un máis que completo panorama formativo para aproveitar ao máximo as posibilidades que nos ofrece a teleformación e, en xeral, as novas ferramentas e metodoloxías. Destes obxectivos xorde a nova edición, a sétima, do Curso Fundamentos de Testing, que realiza online a semana vindeira e que é unha actividade válida para obtermos a certificación ISTQB. O curso achégase como un xeito de reivindicar a práctica sempre recomendábel de facer probas co software que estamos a desenvolver, o que se coñece como testing.
As vantaxes da “fase de probas” son moitas e variadas, e xiran todas arredor da necesidade de garantir a máxima calidade para un produto. Este será o punto no que se apoie a nova actividade de Vitae sobre testing, que se vai celebrar en liña os días 19, 21, 26 e 28 de maio. Incluirá 16 horas de contidos e servirá, en concreto, para adestrar aos participantes no dominio de recursos que optimicen os seus proxectos, adestrándoos en metodoloxías útiles para transformar ferramentas desenvolvidas para sacar un aprobado en ferramentas feitas para obter un notábel ou mesmo un sobresaliente.
O curso, un achegamento integral aos coñecementos e ferramentas precisas para asegurar o factor calidade na creación de programas, subministra a opción de Certificación en Fundamentos de Testing polo programa de certificación ISTQB (International Software Testing Qualifications Board), que é o estándar mundial para avaliadores de programas informáticos.
Segundo explican dende a academia Vitae Consultores, a finalidade desta acción formativa é proporcionar os procedementos e métodos de meirande relevancia actual para capacitar aos asistentes na xestión, na planificación, no deseño e na execución de probas de software coa meirande eficacia. Desta maneira, os profesionais que participen no obradoiro terán “a oportunidade de entender os conceptos clave das probas de software, asegurar un alicerce sólido para o medre profesional na área e comprender as técnicas básicas de validación de programas”, engade Vitae.
O curso está dirixido a profesionais da actividade de probas, como testers, analistas e enxeñeiros de probas, así como responsábeis de calidade de software. Tamén se encamiña a profesionais que desexen acadar unha visión avanzada e integral dos procesos de avaliación, como xefes de proxectos, analistas de negocio, xerentes, consultores TI e programadores.
A persoa encargada de impartir todos estes contidos será Aurelio Gandarillas, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías da información e máis dunha ducia de anos como consultor e formador nos eidos do deseño, a implantación e a mellora dos procesos de desenvolvemento e calidade do software.

PUBLICIDADE