Vitae converteranos en expertos no manexo de datos a través de Microsoft Power Excel

martes, 16 de marzo do 2021 S. P.

A consultora galega Vitae vai achegar este mes de abril unha importante novidade: un curso avanzado centrado nas posibilidades de xestión da información que pon en xogo Microsoft Power Excel con Power Query, Power Pivot e DAX. Será unha actividade formativa de 20 horas, a desenvolver en formato en liña (a través da Aula Virtual de Vitae) os días 19, 20, 21, 22, 26, 27, 28 e 29 do mes vindeiro. Segundo informa a consultora, neste curso aprenderemos a explotar os datos en Excel cunhas potentes ferramentas que están integradas nas últimas versións de Microsoft Office, que non son outras que Power Query, Power Pivot e DAX.
Grazas a este curso os participantes poderán afrontar importantes retos en materia de datos (elaborarán cadros de mandos a partir de arquivos ou táboas que dean resposta ás principais preguntas que xurdan sobre o manexo das ditas ferramentas) e terán a oportunidade de coñecer as principais características do traballo con Power Query para a preparación da información e de Power Pivot con vistas a modelar e crear cálculos con DAX, e pasar logo os datos manexados a un proxecto con Power BI.
En definitiva, os participantes no curso obterán adestramento nos seguintes puntos:
· Como conectarse aos datos, darlles forma e cargalos para a súa análise.
· Como visualizar os resultados con táboas dinámicas.
· Como crear un informe que conecte táboas e gráficas dinámicas para mostrar os resultados da análise sobre a información en orixe.
· Como iniciar un proxecto cos nosos datos de Excel en Power BI.
A actividade formativa está dirixida a profesionais ou usuarios de negocio afeitos a traballar e debullar datos con Excel que precisen traballar con maiores cantidades de información e dun xeito máis automatizado.
O curso terá unha duración de 20 horas, repartidas en sesións de 2,6 horas, e impartirase na Aula Virtual de Vitae, con clases en directo mediante vídeo-conferencia.
Será impartido por Juan Naya, enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans, Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst Associate.

PUBLICIDADE