Vitae convértenos en expertos en metodoloxías áxiles da man, novamente, de Javier Garzás

martes, 9 de xuño do 2020 S. P.

A formación tecnolóxica ábrese camiño na desescalada propoñéndose, máis ca nunca, como un recurso útil, eficaz e universal contra adversidade. Boa parte da culpa deste potencial TIC téñeno consultoras como a galega Vitae, que proseguen coa súa actividade malia os atrancos da crise, apostando máis ca nunca polos sistemas avanzados tanto para crear cursos (o contido) como para achegalos. No medio da que está caendo, que non é pouco, imos poder contar coa terceira edición (con formato virtual) do exitoso Curso sobre Axilidade Avanzada, convocado por Vitae Consultores e impartido por Javier Garzás.
Os precedentes son inmellorábeis: as primeiras convocatorias tiveron unha gran repercusión, tanto en materia de participación como de implicacións profesionais.
Será, coas lóxicas adaptacións ao formato online, un obradoiro práctico de oito horas, unha acción formativa intensiva sobre as posibilidades que se abren ao converternos en expertos en modelos áxiles de traballo.
A cita será os días 6, 7, 8 e 9 de xullo, na aula virtual de Vitae.
O curso ten os seus porqués nunha das principais demandas dos nosos profesionais tecnolóxicos, que é a necesidade de avanzar en recursos que fagan máis fluído e eficaz o seu traballo: un chimpo adiante sobre a base de modelos como Scrum ou XP. Con este curso, di Vitae, “poderemos obter algo único: todo tipo de claves e recursos (ideas, roteiros, camiños, materiais, guías) para evolucionar profesionalmente en axilidade”.
O obradoiro está dirixido a persoas con experiencia previa en axilidade e Scrum, aínda que non sexa unha base de gran amplitude. Tamén está concibido para aqueles profesionais que xa asistiran a cursos de introdución sobre as devanditas metodoloxías de traballo, sen que sexan requiridos coñecementos técnicos avanzados sobre as materias. O temario inclúe (entre outros) os seguintes contidos: xestión do cambio áxil (o que ten funcionado e o que non), técnicas de gamificación na implantación áxil, como planificar a medio prazo (portfolio e mapas de estrada) sen deixar de sermos áxiles, estimación áxil avanzada, maneiras de traballar que non son áxiles, a importancia das retrospectivas ou unha explicación básica e potencial sobre eXtreme Programming.
A persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo. A día de hoxe é profesor titular na Universidad Rey Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog www.javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.

PUBLICIDADE