Vitae e Javier Garzás achegan un novo curso sobre metodoloxías áxiles centrado na figura do product owner

martes, 5 de outubro do 2021 S. P.

Vitae Consultores segue este outono ofrecendo formación especializada para seguirmos avanzando treitos no camiño da excelencia profesional. A través da súa aula virtual, a consultora galega achega en novembro (os días 4, 11 e 18 de novembro) a terceira edición do seu Curso de Product Owner e Axilidade Avanzada, impartido polo recoñecido experto en tecnoloxías Javier Garzás.
Serán oito horas de formación, directamente encamiñadas a converternos en expertos en metodoloxías áxiles, unhas prácticas cada vez máis presentes no desenvolvemento e a xestión de todo tipo de proxectos tecnolóxicos (botando man, por exemplo, de Scrum, XP, Crystal Clear, etc). Os obxectivos deste curso son afondar nas técnicas e específicas da figura do product owner (profesional encargado de maximizar o valor dunha solución xerada nas empresas a partir de metodoloxías áxiles). Ademais, comentaranse as leccións aprendidas, as experiencias e as recomendacións de ter participado en ducias de implantacións desta metodoloxía.
O curso, que proporciona 20 PDAs que acreditan o coñecemento para levar a cabo un desempeño profesional como product owners, correspóndese a unha ampliación da actividade formativa Xestión Áxil de Proxectos con Scrum, tamén de Vitae.
Está dirixido a directivos, xefes de proxecto, product owners, scrum masters, responsábeis de calidade, responsábeis da mellora dos procesos de software, consultores, avaliadores, auditores informáticos, persoal de xerencia da área de Tecnoloxías da Información (TI) ou, en xeral, profesionais das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
A persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo. A día de hoxe é profesor titular na Universidade Rei Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog www.javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.

PUBLICIDADE