Vitae e Javier Garzás brindan en xuño a quinta edición do curso de product owner e axilidade avanzada

martes, 2 de maio do 2023 S. P.

Vitae Consultores achéganos esta primavera-verán unha nova ración de actividades formativas para subirmos chanzos na escaleira da excelencia profesional: formación para ser mellores profesionais, compañeiros e líderes e, tamén, para gañar en eficiencia, eficacia, comunicación, flexibilidade, creatividade e capacidade de resposta. Ao abeiro destes obxectivos, Vitae convocou a nova edición, a quinta, do curso Product Owner Axilidade Avanzada, que será impartido novamente polo experto en transformación Javier Garzás, un dos grandes divulgadores-formadores do panorama tecnolóxico galego e estatal.
O curso, de oito horas de formación e con opción para obter o certificado Scrum Manager (proporcionando 70 PDA), celebrarase os días 7, 8 e 12 de xuño, a través da aula virtual de Vitae Consultores.
Co obxectivo de axudarnos a entender o contexto desta iniciativa formativa, a consultora tecnolóxica galega explica que a figura do Product Owner é un concepto que designa o profesional que nas contornas áxiles representa o último responsábel do éxito do desenvolvemento dun produto e quen se ocupa de que un equipo de traballo aporte o máximo o meirande valor ao negocio.
Os obxectivos desta actividade formativa pasan por afondar nas técnicas e ferramentas específicas desta figura profesional, moi ligada aos novos xeitos de traballo eficientes, eficaces, rendíbeis, sustentábeis e intelixentes. Amais, farase un repaso polas leccións aprendidas, as experiencias e as recomendacións de ter participado en ducias de implantacións deste tipo de metodoloxía.
O curso, segundo informa Vitae, corresponde a unha ampliación doutra actividade formativa achegada pola consultora galega: Xestión Áxil de Proxectos con Scrum. Está dirixido principalmente a directivos, xefes de proxecto, product owners, expertos en Scrum, responsábeis de calidade, responsábeis de mellora de procesos software, consultores, avaliadores, auditores informáticos, persoal de xerencia media e técnica da área das tecnoloxías da información e profesionais en xeral do sector TIC.
A persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo. É profesor titular na Universidade Rei Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.

PUBLICIDADE