Vitae e Javier Garzás imparten a sexta edición do curso de axilidade avanzada para profesionais Scrum

martes, 7 de xuño do 2022 S. P.

Vitae Consultores vainos levar nesta recta inicial do verán pola senda da eficacia, e eficiencia, a rendibilidade e a excelencia no desenvolvemento de proxectos. De feito, a consultora galega ten programado para os días 28 de xuño e 4 e 11 de xullo o desenvolvemento da sexta edición do Curso de Axilidade Avanzada para Scrum Masters e Equipos Scrum. Serán oito horas de formación coa posibilidade de obter a Certificación Scrum Manager.
A actividade formativa será impartida novamente por Javier Garzás, un dos grandes expertos actuais do panorama galego e estatal en materia de xestión áxil, OKR e equipos áxiles. Garzás, de feito, ten axudado a preto dun cento de empresas neste ámbito de acción, é profesor titular da Universidad Rey Juan Carlos e ten publicado media ducia de libros e máis de 130 artigos sobre estas metodoloxías de traballo innovadoras.
Celebrarase, garantindo a seguridade e o distanciamento, a través da Aula Virtual de Vitae.
O curso ten a súa orixe en responder a unha das grandes demandas actuais dos profesionais adestrados en modelos de traballo áxiles (Scrum, XP, etc): a necesidade de seguir avanzando cara a novos escenarios de excelencia e coñecemento sobre a dita base. “Con este curso”, informa Vitae, “poderemos obter algo único: todo tipo de claves e recursos (ideas, roteiros, camiños, materiais, guías) para evolucionar profesionalmente en axilidade”.
O obradoiro está dirixido a persoas con experiencia previa en axilidade e Scrum, aínda que non sexa unha base de gran amplitude. Tamén está concibido para aqueles profesionais que xa asistiran a cursos de introdución sobre as devanditas metodoloxías de traballo, sen que sexan requiridos coñecementos técnicos avanzados sobre as materias.
O temario inclúe (entre outros) os seguintes contidos: xestión do cambio áxil (o que ten funcionado e o que non), técnicas de gamificación na implantación áxil, como planificar a medio prazo (portfolio e mapas de estrada) sen deixar de sermos áxiles, estimación áxil avanzada, maneiras de traballar que non son áxiles, a importancia das retrospectivas ou unha explicación básica e potencial sobre eXtreme Programming.
Como dixemos, a persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo. A día de hoxe é profesor titular na Universidad Rey Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog www.javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.

PUBLICIDADE