Vitae e Juan Naya achegan en novembro a terceira edición do seu Curso DAX Avanzado para Power BI

martes, 25 de outubro do 2022 S. P.

Tanto no eido da programación máis avanzada como nas contornas tecnolóxicas máis xenéricas, a linguaxe DAX (Data Analysis Expressions) está especialmente presente. Trátase dunha escolma de códigos, funcións, constantes e expresións de fórmulas que se emprega en Analysis Services, Power BI e Power Pivot en Excel e que axuda a crear información nova de datos nun modelo previo. Botar luz sobre esta linguaxe e permitirnos manexala con soltura é o gran obxectivo do Curso DAX Avanzado para Power BI, que chega á súa terceira edición os vindeiros días, en formato de aula virtual: os días 14, 15, 16, 17, 21, 22, 23 e 24 de novembro. Será impartido polo experto en datos e xestión Juan Naya.
Serán vinte horas de formación sobre unha linguaxe que permite ir máis alá dunha simple xestión para meternos de cheo no eido da análise intelixente da información.
No curso porase o foco a maiores en Power BI, a ferramenta interactiva de visualización de datos desenvolvida por Microsoft para o ámbito da intelixencia empresarial.
Nun plano máis específico esta actividade formativa pon o foco en axudarnos a entender o alcance da devandita linguaxe, amais de dominala, xa que, como ben teñen sinalado os dous grandes gurús desta metodoloxía de traballo, Marco Russo e Alberto Ferrari, “DAX é simple pero non sinxelo”.
A consultora galega Vitae explica que non se trata dunha actividade formativa de Power BI en xeral, “se ben todo o curso realizarase en Power BI e se ben comentaremos aspectos do seu ecosistema, gran parte do contido podería aproveitarse en Excel, dende Power Pivot”. Amais, engade, tampouco se trata dun curso centrado exclusivamente en Power Query nin tampouco é un obradoiro monotemático sobre integración de datos, pero iso si, “cumprirá conectar os datos do exemplo e comentar as diferencias de realizar operacións dende ETL ou dende DAX”, apuntan dende Vitae. Ademais, o curso irá máis alá de formarnos en modelado de datos (aínda que en algún intre será preciso entendelo e comprobar as relacións e opcións que se poden propor) e das visualizacións e a creación de dashboards (malia que dalgún xeito haberá que ir comprobando o que se vai realizando).
En definitiva, trátase dunha actividade formativa na que se mostrará como crear medidas ou métricas que sexan de utilidade para responder ás preguntas de negocio que poidan ir xurdindo.
Estes son os obxectivos do curso, punto por punto:
-Entender a linguaxe DAX.
-Utilizar as principais funcións e coñecer os seus posíbeis usos.
-Crear medidas con boas prácticas.
-Comprender o contexto e ser capaces de modificalo.
-Amosar programas auxiliares que axuden a facilitar as tarefas ou dean novas alternativas.
-Aplicar diferentes técnicas para situacións diversas que se poden propoñer nun dashboard.
O curso será impartido por Juan Naya, enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans, Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst Associate.

PUBLICIDADE