Vitae e o experto Javier Garzás introdúcennos na figura do product owner
martes, 26 de marzo do 2019
Ao
abeiro do seu completo paquete de actividades formativas para
adestrarnos en innovación e actualizar coñecemento esta primavera,
Vitae Consultores vai organizar este mes de maio, o Curso
Product Owner Axilidade Avanzada, que será impartido por Javier
Garzás. O obradoiro, de oito horas de formación e con opción para
obter o certificado Scrum Manager (proporcionando 70 PDA),
desenvolverase na Coruña no Hotel Attica 21 o vindeiro 7 de maio.
Para quen non o saiba, Product Owner é un concepto que
designa o profesional que nas contornas áxiles constitúe o último
responsábel do éxito do desenvolvemento dun produto e quen se ocupa
de que un equipo de traballo aporte o máximo o meirande valor ao
negocio.
Os
obxectivos do curso son, precisamente, afondar nas técnicas e
ferramentas específicas desta figura profesional, moi ligada aos
novos xeitos de traballo eficientes, eficaces, rendíbeis,
sustentábeis e intelixentes. Amais, farase un repaso polas leccións
aprendidas, as experiencias e as recomendacións de ter participado
en ducias de implantacións deste tipo de metodoloxía.
O
curso, segundo informa Vitae, corresponde a unha ampliación doutra
actividade formativa achegada pola consultora galega: Xestión Áxil
de Proxectos con Scrum. Está dirixido principalmente a directivos,
xefes de proxecto, product owners, expertos en Scrum,
responsábeis de calidade, responsábeis de mellora de procesos
software, consultores, avaliadores, auditores informáticos, persoal
de xerencia media e técnica da área das tecnoloxías da información
e profesionais en xeral do sector TIC.
A
persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor
cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos
post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie
Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación
en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en
recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados.
Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus
procesos de xestión e traballo. A día de hoxe é profesor titular
na Universidade Rei Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que
fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e
con felicidade). É autor do blog www.javiergarzas.com,
que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.