Vitae formou online a 300 profesionais dende o inicio da emerxencia sanitaria

martes, 21 de xullo do 2020 S. P.

A consultora galega Vitae consolidouse esta primavera-verán como un puntal de formación, especialización e adestramento tecnolóxico contra a adversidade da crise sanitaria, a COVID-19 e as súas consecuencias. Froito desta actividade de resistencia, Vitae Consultores afianzou a súa área de formación online en directo, a Aula Virtual de Vitae, que foi quen de formar máis de 300 profesionais dende marzo deste ano 2020.
Dúas modalidades
Con motivos dos acontecementos ocorridos na recta final do inverno (a pandemia e a declaración do Estado de Alarma), a consultora Vitae comezou en marzo a súa liña de formación online, a distancia, tanto na modalidade en Aberto para profesionais como na súa vertente In Company para empresas. Segundo informa a consultora galega, o resultado desta experiencia en liña foi “moi satisfactorio”, consolidándose a Aula Virtual de Vitae “como liña de servizo estábel”.
Amais destes logros, a consultora tamén foi quen de recuperar, paseniño pero sen pausa, a actividade dos seus cursos presenciais In Company, desenvolvéndoos en diferentes dependencias empresariais baixo as medidas dun estrito protocolo de seguridade, como o uso de máscaras e pantallas para todos e cada un dos asistentes e medidas para garantir a ventilación nas estancias e a distancia mínima entre os participantes. Tamén se complementou (e compleméntase) a vertente sanitaria destas actividades formativas con xeles desinfectantes de mans, iniciativas de seguridade que demostraron a súa eficacia para evitar calquera incidente de contaxio nas actividades de formación presencial da consultora.

PUBLICIDADE