Vitae introdúcenos nos segredos de React e Redux para optimizar o noso desenvolvemento TIC

martes, 3 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores vai achegar este mes de novembro unha actividade formativa especialmente preparada para os nosos profesionais TIC que queiran optimizar o seu traballo de desenvolvemento (aplicacións modernas con capacidade de adaptación e evolución, doadas de xestionar, de manter e de probar) e desta maneira incrementar a súa produtividade. A terceira edición do Curso React e Redux: Desenvolvemento frontend moderno mostraralles aos creadores de ferramentas e servizos TIC como fortalecer as devanditas vertentes de traballo ao tempo que se familiarizan ao máximo con React e Redux. O obradoiro terá unha duración de 20 horas e desenvolverase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 3, 4, 10 e 11 de novembro.
Segundo explica Vitae, React é unha libraría Javascript para construír interfaces de usuario que proporcionan, entre outras cousas, unha maneira doada de crear compoñentes personalizados. A maiores, sinala a consultora, “é extremadamente eficiente e flexíbel” e ten capacidade para afacerse a novas contornas e necesidades. Por outra banda, atesoura recursos para xestionar a vista e os seus estados de xeito sinxelo, “o que incrementa a produtividade no desenvolvemento de aplicacións”.
Respecto da súa orixe, React foi materializada e mantida por Facebook e trátase dun recurso en rápido crecemento. Está a ser empregado pola devandita rede social e por outras de primeiro nivel como Instagram, Netflix, Paypal, Imgur, Feedly ou Airbnb. Segundo salientan dende Vigo, trátase de código aberto, polo que conta cunha gran comunidade ás súas costas que velan por ela, incluíndo os propios equipos de Facebook e Instagram.
Redux, pola súa banda, é un contedor de estado que funciona de maneira preditiva e que nos axuda a xestionar o estado dunha aplicación cando esta incrementa a súa complexidade. En parte foi posta en funcionamento por Flux, que é o patrón de arquitectura de aplicación que empregan Facebook e outras moitas compañías no desenvolvemento de aplicacións React.
“Neste curso”, explican dende a consultora, “o alumno aprenderá a empregar estas tecnoloxías, xunto con outras como o xestor de paquetes de Node (npm) e Webpack para aumentar a súa produtividade ao ser quen de desenvolver aplicacións modernas que sexan flexíbeis e sinxelas de manexar, manter e probar”.
Este obradoiro insírese na estratexia de Vitae a prol de mellorar a formación e capacitación dos nosos profesionais e empresas no sector das novas tecnoloxías da información, centrándose na mesma medida nos aspectos humanos e organizativos que nos aspectos tecnolóxicos.
O encargado de impartir estes contidos será Félix Horro Pita, enxeñeiro técnico en Informática e profesional con máis de 13 anos de experiencia como programador na empresa Corunet, amais de co-desenvolvedor de grandes proxectos para empresas do talle de Inditex, Abanca ou BricoKing.

PUBLICIDADE