Vitae mergúllanos cun novo curso na realidade presente e futura da Intelixencia Artificial e a Computación Cuántica

martes, 21 de xuño do 2022 S. P.

A consultora galega Vitae vai organizar este verán, a través do formato de aula virtual, a primeira edición do curso Intelixencia Artificial e Computación Cuántica. Serán 10 horas de formación, a desenvolver os días 12, 14, 19 e 21 de xullo. O curso é un achegamento á gran revolución tecnolóxica do noso tempo: a protagonizada polas máquinas e os sistemas con capacidade para analizar, compartir e comprender inxentes cantidades de información, axudando en múltiples tarefas de gran complexidade a facilitando a toma de decisións a respecto de todo tipo de procesos.
Segundo informa Vitae, tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial e a Computación Cuántica, entre as cales é posíbel establecer sinerxías, serán claves para afrontar os maiores retos da sanidade, o sector empresarial, as aplicacións militares, a sustentabilidade enerxética, o medio ambiente ou o mundo das finanzas. “Neste curso”, explica a consultora, “avaliarase dende unha perspectiva global o nivel de desenvolvemento actual da Intelixencia Artificial e da Computación Cuántica na nosa contorna: Europa, España e Galicia”. Ademais, engade Vitae, “permitirásenos verificar se as nosas estratexias actuais en Tecnoloxías da Información permiten un uso eficiente da Intelixencia Artificial e informarásenos sobre o enorme potencial da inevitábel e acelerada irrupción da Computación Cuántica no sector produtivo”.
Durante o curso realizaranse prácticas de laboratorio co simulador cuántico de IBM. Amais, informarase aos participantes sobre diversas aplicacións prácticas da Computación Cuántica e sobre programas públicos de financiamento para a súa materialización e incorporación ao mundo empresarial.
O curso será impartido por Vicente Moret, especialista de recoñecido prestixio internacional e senior member do IEEE. Moret é catedrático da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña, amais de doutor en Ciencias Físicas e licenciado en Ciencias Químicas. Posúe máis de 25 anos de experiencia en investigación, xestión, transferencia tecnolóxica e docencia, e é autor de máis de 160 publicacións e catro libros científicos, un dos cales está considerado por Forbes, CNN e BookAuthority como un dos 16 mellores libros de Computación Cuántica de todos os tempos. É director da área de Intelixencia Artificial Simbólica e Computación Cuántica do grupo LIDIA-UDC.
O curso está dirixido a profesionais do sector TIC, do ámbito da I+D+i, da área técnica e da xestión cuxa responsabilidade inclúa a mellora dos sistemas de información das empresas. Tamén se dirixe a profesionais con formación académica en Informática, Física, Química, Matemáticas, Enxeñaría e/ou Economía.

PUBLICIDADE