Vitae mergúllanos en novembro nas posibilidades de control e xestión de Git
martes, 1 de outubro do 2024
Vitae Consultores vai organizar este mes de novembro a terceira edición do seu curso Git, Control de código compartido, de doce horas de duración. Celebrarase os días 4, 6, 11 e 13 de novembro e achegará recursos de utilidade para manter orde, equilibro e control no noso traballo desenvolvedor, mantendo a raia as incertezas derivadas dos cambios, revisións, aprobacións e voltas atrás na cadea de produción de programa de proxectos, ao que se suma a participación de equipos cada vez máis deslocalizados.
En palabras de Vitae, “manter o control e a xestión do código producido require produtos, servizos e protocolos á altura, e o sistema Git permite isto e moito máis, sobre todo ao agrega a capacidade de servizos como GitHub ou GitLab e fluxos de traballo estándar como gitFlow”.
Os obxectivos deste curso son axudarnos a comprender os fundamentos do sistema de control de código compartido Git e e a dominar os comandos básicos para traballo individual e en equipo. Tamén se busca que coñezamos os workflows máis utilizados en proxectos profesionais e axudarnos a distinguir as capacidades das distintas plataformas de servizos.
O curso, de 12 horas lectivas, celebrarase en formato de aula virtual con clases en directo e acceso ás sesións gravadas para a súa consulta.
A actividade formativa será impartida por Jorge González, enxeñeiro técnico industrial especializado en electrónica, con 22 anos de experiencia como analista programador e máis de 14 anos como formador de tecnoloxías web e de mobilidade. Conta cun amplo coñecemento en ferramentas e linguaxes como HTML5, PHP, JavaScript, Flex, Backbone, Angular, Ionic, Symfony, Drupal, Wordpress, Flex, Flash, Animate, Phonegap, etc... Na súa faceta de formador estivo sempre ligada á súa experiencia profesional. Entre as empresas e organismos que asesorou ou formou atópanse Google, Linkedin, FC Barcelona, La Caixa, Nike, Cola Cao, Pronovias, Volkswagen, Capgemini, Grupo Antolín, Gas Natural, Indra, Deloitte, La Voz, Plexus, Disashop, Softtek, Teimas ou Qindel, entre outras entidades.
Que é Git?
Git é o sistema de control de versións moderno máis utilizado do mundo. Trátase dun proxecto de código aberto maduro e cun mantemento activo que desenvolveu orixinalmente Linus Torvalds, o creador do kernel do sistema operativo Linux, en 2005. Salienta pola súa eficiencia e flexibilidade e, tamén, pola súa capacidade para xestionar proxectos de calquera tamaño. Git permite aos desenvolvedores realizar un seguimento dos cambios no código fonte ao longo do tempo, facilitando a colaboración entre equipos ao proporcionar un historial detallado de modificacións. Ademais, o seu enfoque distribuído posibilita que traballemos localmente co noso propio repositorio completo.