Vitae mergúllanos este outono nas posibilidades de Microsoft Fabric para a análise de datos

mércores, 18 de setembro do 2024 S. P.

Este outono a consultora galega Vitae vai ofrecer un curso que pon novamente o foco nas ferramentas de Microsoft, desta volta centrándose nas posibilidades de Fabric, unha solución que, en palabras da consultora tecnolóxica, “pode satisfacer as necesidades de análises da nosa organización nunha soa plataforma, reducindo a complexidade de despregamento e a planificación dos custes da nosa empresa”.
O curso Microsoft Fabric, de 24 horas de duración (a través da aula virtual de Vitae), celebrarase os días 21, 23, 28 e 30 de outubro e os días 4, 6, 11 e 13 de novembro.
Grazas aos contidos e á formación incluída, obteremos información sobre Microsoft Fabric, sobre como funciona e sobre como identificar como e cando utilizalo para as nosas necesidades de analítica de datos.
Vitae explica que “Microsoft Fabric é unha plataforma de análise extremo a extremo que proporciona unha contorna única e integrada para que os profesionais de datos e os usuarios da organización colaboren en proxectos de datos”. Ademais, proporciona un conxunto de servizos integrados que permiten almacenar, procesar e analizar datos a través dunha interface única e sinxela. “Con Microsoft Fabric dispoñeremos de ferramentas para profesionais de datos e analistas de negocio, e intégrase coas ferramentas que a empresa necesita para tomar decisións, incluíndo servizos e ferramentas para operacións como data integration, data warehousing, real-stafe intelligence e business intelligence.
O curso está dirixido a profesionais de datos (analistas enxeñeiros e científicos de datos que buscan unha plataforma integrada para xestionar e analizar datos); e tamén para analistas de negocios (profesionais que necesitan ferramentas avanzadas para a toma de decisións baseadas en datos), desenvolvedores interesados en utilizar Microsoft Fabric para crear solucións de datos robustas e flexíbeis e consultores TI que desexen ampliar o seu coñecemento en plataformas de análises de datos e ofrecer solucións integradas aos seus clientes.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.