Vitae mergúllanos nas técnicas do Clean Code e nas utilidades dunha programación clarificada
martes, 14 de xaneiro do 2020
As
mellores construcións, enxeños e obras de arte que foron concibidas
e elaboradas ao longo da historia e que chegaron a nós intactas e
con toda a súa vixencia foron construcións, enxeños e obras de
arte deseñadas e materializadas seguindo as máximas simpleza e
claridade. De nada serviron discursos complexos, que escurecían a
mensaxe que se quería facer chegar. Isto que foi unha máxima a
seguir no pasado, por forza debe selo no futuro, entre outras cousas
porque a tecnoloxía non abrolla da nada: é un paso máis dunha
longa liña de continuidade. Mergullarnos nesta aposta pola
clarificación é un dos grandes obxectivos do Curso
Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas que organiza
Vitae Consultores e que chega á súa oitava edición.
Segundo
informa a consultora acerca desta nova actividade formativa, nada do
que desenvolvamos en materia informática chegará realmente a ser de
utilidade (no máis amplo senso da palabra) se non é sinxelo e está
clarificado. Amais, non poderá ser mellorado por outros nin
evolucionar no tempo.
O
novo curso (oitava edición) celébrase os días 31 de xaneiro e 1 de
febreiro en Vigo, no Centro Social Afundación Abanca da rúa
Policarpo Sanz. Serán dez horas de formación lectiva.
O
punto de partida desta contribución formativa de Vitae está nunha
necesidade concreta por parte das empresas e profesionais: a demanda
de técnicas áxiles e eficaces de desenvolvemento, recursos que
axuden a escribir programas para seren comprendidos, facer simple o
complexo.
En
termos xerais, serviranos para ampliar ao máximo o noso coñecemento
sobre técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa
Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que
achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A
consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que
“programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non
ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou
textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no
lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser
nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto,
desenvolver aplicacións difíciles de manter, reducir a cantidade de
erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas
de programación.
O
curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia
nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é
sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode.
O
formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática
con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de
proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día
de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae
Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou
formado atópanse Tecnocom, Abanca, Softek, GADISA, Inditex, Optare,
Altia, Gradiant ou SIVSA.