Vitae mergúllanos nas vantaxes do Cadro de Mando Integral para recursos humanos

mércores, 7 de outubro do 2020 S. P.

Entre as conclusións que podemos extraer da actual situación sanitaria e social atópase unha que entronca directamente coa innovación: cada día é unha nova oportunidade para formarnos e evolucionar. Se isto é válido para calquera época previa á crise, agora resulta aínda máis conveniente, tendo en conta como todo, dende o detalle máis grande até o máis pequeno, nos reconduce cara ao tecnolóxico e o renovador. A consultora Vitae aposta directamente por este camiño e desta aposta xorde o seu curso Cadro de Mando Integral de Recursos Humanos, que se ofrece en formato de aula virtual os días 4, 5 e 6 de novembro. Serán oito horas para consolidar o noso coñecementos avanzado sobre unha das ferramentas clave para a xestión de traballadores.
Estamos a falar do Cadro de Mandos Integral (Balanced Scorecard), que é, segundo lembra Vitae, unha metodoloxía fundamental para o éxito dunha compañía. O curso busca a axudar aos asistentes a “entender e coñecer esta ferramenta”, que “se converteu nunha necesidade para os directivos de Recursos Humanos se queren manter o rol estratéxico e non só funcional dentro dunha empresa”. Segundo engade a consultora, “as tendencias do futuro, en particular os procesos de HR Analitycs, non dependerán só da capacidade de manexarnos cunha chea de datos sobre os empregados, senón tamén de ordenalos con criterio estratéxico nun Cadro de Mandos Integral”.
Os obxectivos da actividade formativa son, en primeiro lugar, entender que é un Cadro de Mandos Integral e a súa aplicación práctica en Recursos Humanos, e en segundo lugar coñecer exemplos reais da dita ferramenta e avaliar a súa utilidade práctica. Tamén se busca mostrar a ampla variedade de indicadores potencialmente incorporábeis a un Cadro de Mandos Integral de Recursos Humanos.
O curso desenvolverase o mércores 4 e o xoves 5 en horario de 16.00 a 19.00 horas e o venres 6 de 16.00 a 18.00 horas, a través da plataforma virtual de Vitae.
A persoa encargada de impartir os contidos será Ángel Aledo, director de RRHH con 27 anos de experiencia en empresa multinacionais referenciais nos seus sectores, por exemplo Otis, Acciona, Heineken ou Renault. Ten formación académica en Psicoloxía Industrial, Executive MBA por INSEAD e Enxeñaría Naval e está afeito a traballar noutras culturas con responsabilidade sobre 14 países. É director de Recursos Humanos para o Sur de Europa e Medio Oriente de Otis Elevators, tendo baixo a súa supervisión os seguintes países: España, Portugal, Italia, Grecia, Chipre, Turquía, Kuwait, Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita, Marrocos e Suráfrica.

PUBLICIDADE