Vitae mostra as claves dunha selección ideal de profesionais TIC

martes, 11 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Non todas e todos os profesionais das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación teñen as mesmas formacións, as mesmas especialidades (puntos fortes) nin os mesmos intereses. Saber cales acaen mellor para as nosas empresas ou proxectos é un dos grandes obxectivos do Curso de Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseadas na Neurociencia, que organiza a consultora Vitae os días vindeiros. A actividade, que vai pola súa 14 edición, pon o foco nunha realidade que está fóra de toda dúbida: as profesións tecnolóxico-dixitais están á cabeza dos perfís demandados polo mercado laboral, tal e como non deixan de salientar todo tipo de estudos e investigacións (a máis recente delas presentada a semana pasada polo ITMATI, que lembra que os profesionais relacionados co cálculo avanzado e a informática serán os máis demandados nun futuro a curto prazo).
Volvendo ao devandito obradoiro, sinalar que será de 20 horas de duración e que está especialmente concibido para directores de proxectos e profesionais dos recursos humanos. A súa celebración está prevista para os días 8, 9, 15 e 16 de xullo, no Hotel Attica 21.
O curso subministra recursos prácticos para reparar un dos principais problemas da análise de profesionais e das súas capacidades e formacións: a ausencia de ferramentas indicadas, óptimas, eficaces e flexíbeis, para valorar que tipos de talentos ten un profesional candidato a formar parte dun proxecto ou empresa. Outro dos obxectivos é equipar aos asistentes de recursos acaídos para saber formular as súas necesidades e interpretar, tamén, as diferentes propostas que se fagan en resposta a esas necesidades.
Segundo explican dende Vitae, o primeiro paso para calibrar a outro profesional será aprender a calibrarnos a nós mesmos. “Coñecéndonos deste xeito acadaremos meirande obxectividade na avaliación doutras persoas”, sinalan dende a consultora, engadindo que neste curso subministraranse as ferramentas e recursos máis indicados para lograr o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais, sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño do que se bote finalmente man.
Para Vitae, é unha certeza máis que confirmada que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI) demanda cada vez máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral, o que xera tensións nas empresas en canto a dar cumprido cos compromisos profesionais en calidade e prazo cos clientes de seu e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
O curso que presenta Vitae céntrase “na eficacia, en que facer, máis que na eficiencia, en como facer, para seleccionar candidatas/os e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de traballadores, aínda que ambas as facetas, a eficacia e a eficiencia, son necesarias para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
En conclusión, neste curso proporcionarase un método e unhas ferramentas coas “que se conseguiu unha porcentaxe de éxito de máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”, informan os organizadores do obradoiro.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE