Vitae mostra as posibilidades de desenvolvemento software que ofrece a IA Xenerativa

martes, 22 de abril do 2025 S. P.

A consultora galega Vitae vai organizar en maio un curso que pon o foco na Intelixencia Artificial Xenerativa, unha tecnoloxía que está a transformar radicalmente a forma en que os desenvolvedores traballan (desde a xeración automática de código ata a documentación, testing ou refactorización de aplicacións) a través de ferramentas como GitHub Copilot, ChatGPT ou LM Studio, que permiten aos programadores acelerar procesos, mellorar a calidade do software e abordar tarefas complexas cunha asistencia intelixente en tempo real. Estamos a falar do curso Introdución ao Desenvolvemento de Aplicacións Software con IA, de seis horas de formación, que se desenvolve os días 26 e 27 de maio en formato de aula virtual con clases en directo recuperables.
O novo curso de Vitae ofrece unha formación integral e aplicada sobre as principais técnicas, modelos e ferramentas de IA Xenerativa aplicadas ao desenvolvemento. Desde os fundamentos teóricos ata a posta en marcha de contornas con ferramentas reais, cada módulo permite ao participante adquirir competencias clave para integrar a IA no seu fluxo de traballo diario.
Vitae explica que o módulo de laboratorio práctico ofrece unha experiencia intensiva centrada na programación asistida por IA: desde a instalación e configuración de ferramentas como Copilot, LM Studio ou ChatGPT, ata o desenvolvemento completo dunha aplicación utilizando IA nas distintas fases do ciclo de vida do software. Ademais, fomentarase un enfoque crítico e ético do uso destas tecnoloxías, combinando a aprendizaxe técnica coa reflexión sobre as boas prácticas, a privacidade e a validación do código xerado.
Obxectivos
-Comprender os fundamentos técnicos dos modelos xenerativos.
-Aplicar ferramentas de IA como Copilot ou ChatGPT ao desenvolvemento de software.
-Aprender técnicas de enxeñería de prompts efectivas.
-Explorar casos de uso reais e construír un proxecto práctico.
A persoa encargada de impartir os contidos será Alberto Romero Griñón, arquitecto FrontEnd con máis de 15 anos de experiencia en desenvolvemento de software, especializado en tecnoloxías como Angular, React e Web Components. Liderou proxectos en empresas como Capgemini, Everis ou Indra, e impartiu formación técnica nestas entidades. O seu enfoque combina a excelencia técnica coa capacidade pedagóxica, avalada pola súa experiencia como docente, e máis recentemente, como formador en Intelixencia Artificial aplicada ao desenvolvemento de software. Na actualidade, compaxina o seu labor como FrontEnd Architect liderando un equipo de 15 persoas, coa formación en programación asistida por IA. Alberto domina ferramentas clave do ecosistema de IA Xenerativa como GitHub Copilot, ChatGPT, LM Studio ou Angular CLI, e está certificado por AWS e Meta en tecnoloxías cloud, IA e desenvolvemento web.