Vitae mostra as respostas da neurociencia para a selección ideal de profesionais TI
martes, 30 de xaneiro do 2018
Os
profesionais TIC son, hoxe por hoxe, os máis demandados polo mercado
profesional, e nada indica un cambio de tendencia á baixa, máis ben
o contrario: o mundo conectado expándese e, con el, as necesidades
tecnolóxicas das nosas empresas. Porén, hai postos de traballo onde
un tipo de profesional encaixará mellor que noutros, e outros
labores onde se requira outro tipo de profesional. O problema reside
en como saber onde desenvolveremos mellor o noso potencial e, a nivel
das empresas, que características específicas demandar. Para
despexar dúbidas e formarnos para tomar, a respecto do devandito, as
máis sabias decisións, Vitae Consultores vén de convocar a novena
edición do seu Curso
de Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI)
baseadas na Neurociencia. O obradoiro, de 20 horas de duración,
celebrarase na Coruña os días 26 e 27 de febreiro e 5 e 6 de marzo,
no Hotel Attica 21.
O
curso, moi acaido para directores de proxecto e profesionais dos
recursos humanos, achega recursos para emendar unha das principais
eivas da análise profesional do noso tempo: a falta de instrumentos
axeitados, eficaces e flexibles, para valorar que tipos de talentos
ten un profesional candidato a formar parte dun proxecto ou empresa.
Tamén se busca dotar aos directores de proxectos e aos profesionais
de recursos humanos das ferramentas precisas para saber formular as
súas necesidades e interpretar, tamén, as diferentes propostas que
se fagan en resposta a esas necesidades.
Segundo
explican dende Vitae, o primeiro paso para calibrar a outro
profesional será aprender a calibrarnos a nós mesmos. “Coñecéndonos
deste xeito acadaremos meirande obxectividade na avaliación doutras
persoas”, sinalan dende a consultora, engadindo que neste curso
subministraranse as ferramentas e recursos máis indicados para
lograr o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais, sexa
cal sexa o modelo de avaliación do desempeño do que se bote
finalmente man.
Para Vitae, é unha realidade incontestable
que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI)
demanda cada vez máis profesionais dos dispoñibles no mercado
laboral, o que xera tensións nas empresas en canto a dar cumprido
cos compromisos profesionais en calidade e prazo cos clientes de seu
e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
O curso que presenta Vitae céntrase “na eficacia, en que
facer, máis que na eficiencia, en como facer, para seleccionar
candidatas/os e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en
contornas de escaseza de traballadores, aínda que ambas as facetas,
a eficacia e a eficiencia, son necesarias para o éxito nos procesos
de selección e avaliación”.
En definitiva, neste curso
proporcionarase un método e unhas ferramentas coas “que se
conseguiu unha porcentaxe de éxito de máis do 90% en selección de
perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de
proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta
dirección”, informan os organizadores do obradoiro.
O curso
virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres
décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías
e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster
en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de
Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense
responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000
procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.
