Vitae mostra como dispor dos xefes de proxectos TI máis idóneos para o noso equipo

martes, 25 de marzo do 2025 S. P.

Vitae organiza este mes de abril unha nova actividade de formación que pon o foco nos equipos profesionais tecnolóxicos e en como elixir e atopar as persoas máis idóneas para dirixilos, con todo o que ten de vantaxe (produtiva, empresarial, humana) acadar as mellores sintonía e sinerxía dentro dun grupo de traballo. O curso céntrase nas metodoloxías que poden ser postas en práctica para procurar e elixir o mellor perfil posíbel para a nosa empresa. A actividade formativa Avaliación e Selección de Xefes de Proxectos TI, Managers TI, Product Owners e Scrum Masters celebrará a súa terceira edición este mes de abril, os días 22, 24 e 29. Terá nove horas de duración.
Como dixemos, centrarase na figura dos postos clave nas organizacións (xefes de proxectos TI, xestores TI, products owners, scrum masters ou mandos intermedios, en adiante project manager) e en proporcionar un método eficaz para a selección e avaliación das persoas que ocuparán estes postos.
Este curso baséase na ciencia proporcionada pola Psicoloxía do Traballo e pola experiencia práctica do día a día para a análise e a elección deste tipo de profesionais, centrándose en estudos e metodoloxías amplamente probadas a nivel científico e práctico.
Os obxectivos son os seguintes: proporcionar un método eficaz para a selección e avaliación de xefes de proxectos ou xestores TI; achegar un método e unhas ferramentas concretas para alcanzarmos o éxito na selección e avaliación de xestores de proxectos, baseados en estudos científicos da Psicoloxía de Traballo e en conclusións extraídas da actividade empresarial cotiá; e proporcionar os coñecementos para tomar decisións na contratación ou promoción de profesionais en base aos trazos, ao contexto e á conduta; diferenciar os diferentes estilos de liderado en base a tarefas e xestores, ou ben en base ás persoas e líderes.
A actividade formativa vai dirixida a profesionais de Recursos Humanos, a directores e xefes de proxectos, a xerentes ou ben a calquera profesional que desexe adquirir as habilidades e coñecementos para a selección e avaliación de xefes de proxectos TI ou xestores TI ou de calquera sector.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.