Vitae móstranos como administrar o motor de bases de datos PostgreSQL

martes, 4 de maio do 2021 S. P.

Vitae Consultores achéganos estes días un innovador innovador que, precisamente, toca cuestións ben innovadoras. Trátase dunha actividade formativa centrada en administración de PostgreSQL que brinda a posibilidade de crear, desenvolver e xestionar bases de datos obxecto-relacionais, propoñendo formas eficientes de administrar e facer seguimento do motor de bases de datos PostgreSQL, que é un popular sistema de xestión de bases de datos relacional orientado a obxectos e de código aberto. A Introdución á Administración PostgreSQL e Compatibilidade con SQL Server e Oracle é unha actividade formativa de 15 horas que está prevista para os días 7, 9, 11, 14, 16 e 18 de xuño. Desenvolverase a través da aula virtual de Vitae Consultores.
Segundo informa a consultora respecto dos obxectivos do curso, a maioría do software actual ten a necesidade de interactuar con bases de datos e PostgreSQL é un dos motores relacionais de código aberto “máis robustos e seguros, utilizada en distintas contornas xunto cun abano variado de aplicacións”. A través desta actividade formativa, presentarase a instalación, configuración e administración en contornas únicas ou híbridas con outras xestores de BBDD como SQL Server ou Oracle, mostrando a compatibilidade do uso conxunto de todos en calquera ambiente de produción.
E engade Vitae: “Na actualidade solicítanse cada vez máis perfís técnicos con habilidades mixtas como devops, polo que este curso será de gran interese para desenvolvedores de software ou administradores de sistemas, xa que lles permitirá ampliar os seus coñecementos sobre sistemas xestores de bases de datos, que son xa unha parte fundamental de calquera sistema IT”.
O curso está dirixido a:
-Profesionais con interese en coñecer o funcionamento e a administración dun sistema xestor de bases de datos orientado a obxectos como PostgreSQL.
-Profesionais que estean a traballar con outros sistemas de bases de datos como Oracle, SQL Server e MySQL e queiran incorporar PostgreSQL no seu entorno de produción.
-Profesionais que desexen migrar a outros sistemas de bases de datos a PostgreSQL.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Diego Nieto Caride, enxeñeiro superior en Informática e profesional con 20 anos de experiencia como analista, enxeñeiro Devops e DBA no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Atesoura máis de 16 anos de andaina profesional como DBA en diferentes contornas como PostgreSQL, MariaDB, Oracle e Informix, e está especializado en escenarios de traballo de alta dispoñibilidade e de grandes volumes de datos. Diego Nieto é tamén consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE