Vitae móstranos como recoller os mellores froitos das nosas xuntanzas de traballo

mércores, 26 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Partindo da base de que unha das claves do éxito dunha empresa é a boa comunicación existente entre os seus integrantes, e de que nada mellor que facer xuntanzas periódicas para estreitar esas ligazóns de comunicación, Vitae Consultores vai organizar os días vindeiros unha nova edición (a segunda) do seu Curso Reunións Áxiles con Scrum, Axilidade Avanzada, unha actividade formativa de 10 horas programada para os días 13 e 14 de marzo na Coruña e impartida por Josefina Alonso. No obradoiro introducirásenos nas mellores metodoloxías para acadar que as xuntanzas que mantemos no noso día a día laboral sexan un exemplo de sinxeleza, eficacia, produtividade e, tamén, bo ambiente. Ou sexa, de acadar os máximos obxectivos cos recursos dos que dispoñemos.
A cita, que vén con opción de Certificación Scrum Manager, celebrarase no Hotel Attica 21 da Coruña.
Segundo nos conta Vitae poñéndonos en antecedentes, as reunións constitúen decote unha perda de tempo e esforzo para os traballadores dunha empresa tecnolóxica, ou de calquera outro sector. Os principais inimigos das xuntanzas laborais son a falta de obxectivos claros, de axenda de traballo, de necesidades ou de expectativas. Todos estes condicionantes soen derivar en perdas de tempo ao abeiro dos nosos proxectos e organizacións. A nova achega formativa de Vitae tenta establecer unha serie de boas prácticas que nos axuden a realizar “reunións produtivas, curtas e que sexan quen de aportar valor, así como afondar nas xuntanzas máis relevantes de axilidade concretamente de Scrum”.
No obradoiro explicaranse as regras básicas así como os métodos e técnicas máis requiridos para conducir con éxito as reunións de Scrum. O curso proporciona 55 PDA para a Certificación Scrum Manager e, segundo informa Vitae, non é preciso ter cursado o curso troncal de Scrum Manager.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE