Vitae móstranos como tirar proveito de Git para manter a xestión do código producido

martes, 27 de abril do 2021 S. P.

Vitae Consultores, a través da Aula Virtual, vai organizar os días vindeiros unha actividade moi acaída a rendibilizar o traballo en equipo en empresas tecnolóxicas, onde é fundamental que todos e cada un dos integrantes teñan un acceso total á información que se manexa sobre os proxectos en marcha, información que adoita evolucionar e enriquecerse cada pouco. O curso Git, Control de código compartido, achegaranos recursos para mellorar o día a día da nosa empresa informática. Celebrarase o día 31 de maio e os días 1, 2 e 3 de xuño. Serán oito horas de formación.
Segundo explica a consultora galega Vitae acerca dos porqués desta actividade, o feito de que o código dos proxectos informáticos se escriba en documentos e que estes sexan sometidos a cambios diarios (revisións, aprobación ou voltas atrás), pode xerar situacións con participantes-desenvolvedores cada vez máis deslocalizados. “Fan falta recursos para manter o control e a xestión do código producido, produtos, servizos e protocolos á altura, e neste punto é onde entran en xogo sistemas como Git”, explican dende a consultora.
Os obxectivos do curso son os seguintes: comprender os fundamentos do sistema de control de código compartido Git, dominar os comandos básicos para o traballo individual e en equipo, coñecer os workflows máis empregados en proxectos profesionais e distinguir as capacidades das distintas plataformas de servizos.
O curso está dirixido a programadores e xestores de proxectos en calquera linguaxe ou tecnoloxía, amais de a profesionais con experiencia en sistemas de control de código compartido.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE