Vitae móstranos en xuño como acadar os equipos TI máis motivados e eficientes

martes, 31 de maio do 2022 S. P.

Cursos sobre como converternos nos mellores líderes dos mellores equipos de desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos hai moitos e variados, pero poucos tan específicos e directos como o Curso Liderado e Xestión de Equipos en Proxectos TI Áxiles que ofrece a consultora galega Vitae na súa terceira edición, novamente en formato de aula virtual. Serán 10 horas de actividade formativa, con opción de Certificado Scrum Manager (75 PDA) a desenvolver os días 22, 23, 27 E 28 de xuño.
Segundo informa a consultora galega, estamos ante un curso deseñado para atender as nosas necesidades actuais, diferentes xa das que había antes da pandemia: “O escenario mudou e precisamos afianzar e desenvolver as novas formas de traballar e aprender”. Neste contexto, sinala Vitae, o papel do líder, así como das relacións entre os integrantes do equipo, resulta fundamental para que os proxectos tecnolóxicos poidan acadar o éxito.
A consultora recorda que as organizacións dispoñen de coñecemento técnico, pero “no momento en que un profesional pasa a xestionar proxectos require dunha serie de habilidades para exercer a coordinación do equipo, a comunicación cara aos seus membros e cara aos seus responsábeis, evitar conflitos, etc”. Para a consultora galega, a xestión destes grupos de traballo é unha “parte nuclear” da xestión de proxectos, por iso os mellores líderes son os que contan “coas habilidades sociais precisas para a xestión de equipos”.
O curso está dirixido a calquera persoa que queira mellorar en liderado e en xestión de equipos TI (Tecnoloxías da Información).
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE