Vitae móstranos nun novo curso como mellorar as comunicacións nos equipos TI

martes, 18 de abril do 2023 S. P.

Vitae Consultores vai organizar este mes de maio unha actividade formativa de gran interese para os profesionais do sector das novas tecnoloxías que queiran contribuír a optimizar as relacións, a coordinación e o diálogo na súa empresa ou no seu grupo de traballo (e tamén con outras empresas e outros grupos de traballo). Trátase do curso Habilidades de Comunicación para Equipos TI, de nove horas de formación, que se celebra os días 8, 9 e 11 de maio.
Nesta actividade formativa achegaranse recursos para que os asistentes poidan enfrontarse a unha das principais esixencias do contexto profesional e empresarial TIC: o reto de relacionarse con equipos máis grandes e cos seus clientes.
En palabras de Vitae, trátase dun desafío que non resulta sinxelo, pois non é sempre doado desenvolvernos con facilidade en situacións complexas, por exemplo na coordinación do traballo coas compañeiras e compañeiros e cos responsábeis da empresa, ou á hora de recibir as obxeccións e as demandas do clientes, ou cando é preciso resolver conflitos, vender ideas ou encaixar críticas. “Todo isto”, engade a consultora galega, “provoca intres de estrés e tensión (malos entendidos, frustración, agresividade, incomprensión) cos interlocutores tanto externos como internos da empresa”.
Neste curso desenvolveranse competencias e habilidades en base a un cambio nos esquemas mentais e de conduta da persoa. Durante as sesións formativas combinaranse aspectos teóricos con exercicios e dinámicas que permitan comprender e interiorizar os conceptos e producir o cambio mental e de comportamento.
O curso ten unha duración de nove horas artelladas en tres sesións de tres horas. Celebrarase a través do formato de aula virtual de Vitae (en directo).
Será impartido por Elisardo López, licenciado en Dereito (ICADE) e en Empresariais (ICADE), grao en Psicoloxía, mestrado en Psicoloxía Xeral Sanitaria (UNIR), adestrador acreditado por ICF, mestrado en MDAF no Instituto de Empresa (IE) e Insights Discovery Licensed Practitioner. Ten ás súas costas máis de tres décadas de experiencias profesional e vinte anos como formador e consultor no ámbito das persoas. Ten traballado para empresas do talle de Volkswagen, PriceWatershouseCoopers, Microsoft e Navision. É profesor de habilidades directivas na ESIC Business Schoool, na MBA da Universidade de Loyola, na UCAM e MBA Executive en CEU. Ten formado e asesorado a empresas como Google, Microsoft, Amazon, SAP, Cisco, Orange, Fujitsu, Danone, LG ou Heineken, entre outras moitas.

PUBLICIDADE