Vitae ofrece a edición 36 do seu histórico curso sobre dirección de proxectos con Scrum
martes, 12 de xaneiro do 2021
Polo
seu interese empresarial e pola súa capacidade para optimizar o noso
xeito de traballar, entre outras moitas vantaxes e potenciais, o
Curso sobre Dirección de Xestión de Proxectos Áxiles con Scrum que
organiza regularmente a consultora Vitae é sen dúbidas unha das
actividades formativas da nosa terra de meirande demanda e de máis
longa experiencia. Sen ir máis lonxe, chega nesta recta inicial de
2021 á súa edición 36, agora en formato virtual. O curso, en
resumo, ofrécenos unha serie de claves de valor para que a
aplicación de boas prácticas profesionais sexa doada, simple,
eficaz e permanente no ámbito dos proxectos tecnolóxicos.
En
concreto, mergúllanos nas posibilidades da metodoloxía Scrum,
especialmente indicada para proxectos en contornas complexas onde é
necesario obter resultados axiña, onde as condicións están
suxeitas a cambios (como por exemplo as limitacións impostas pola
COVID) e onde a innovación e a competitividade son piares
fundamentais.
Desenvolverase
en formato online (non de xeito presencial, coa finalidade de
garantir a seguridade dos participantes fronte á COVID-19) os días
25, 26, 28 e 29 de xaneiro, e os días 1, 2, 4 e 5 de febreiro.
Trátase
dunha actividade formativa de 16 horas que proporciona 150 PDA e,
polo tanto, a Certificación Scrum Manager nivel Experto.
O
curso diríxese a capacitarnos na aplicación dos modelos de
traballos áxiles (Scrum, Scrumban e Lean), uns modelos que
introducen factores extra de eficacia, rendibilidade e sintonía cos
clientes (axudando aos primeiros a anticiparse ás demandas dos
segundos mesmo antes de que sexan tan sequera transmitidas).
Segundo
Vitae, a orixe do obradoiro está igualmente nas vantaxes de
anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o
camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea
unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta
o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de
adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as
demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en
proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía,
engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización
de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto
de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará
durante o proxecto.
Nun
plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse
as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas
vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como
CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para
que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía
de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A
encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo,
enxeñeira superior en Informática pola Universidade de Vigo.
Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e
Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS
do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis
de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software
destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI
con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e de predición (PMI, CMMI)
para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo. Entre as
empresas e organismos que ten asesorado figuran as seguintes: ESA
(Axencia Europea do Espazo), o devandito CTAG, o Centro de
Investigación TIC (CITIC), Tecnocom, SIVSA, SERESCO, Coremain,
Balidea, Dayco Ensa, Grupo Antolín, PGA, ASM Soft, SoftWcare,
Discalis, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago, a
Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, Visual MS, Telek,
Imaxdi e OpenHost, entre outras entidades.