Vitae organiza a 2ª edición do seu curso anti-estrés para xefes de proxecto e equipos TI

martes, 1 de abril do 2025 S. P.

A firma galega Vitae Consultores vai organizar este mes de maio a segunda edición dun curso que se dirixe en boa medida a mellorar a calidade de vida das persoas que integran os equipos profesionais de desenvolvemento tecnolóxico, liberándoos das tensións que de non acadar un bo ambiente de traballo xorden no día a día do seu desenvolvemento profesional. Trátase do curso Xestión Emocional e Control do Estrés para Xefes de Proxecto e Equipos TI, de seis horas de duración. Levarase a cabo en formato de aula virtual os días 5 e 12 de maio.
Esta actividade céntrase na figura do xefe de proxecto e nas ferramentas das que pode botar man para optimizar o seu quefacer cotián e as boas vibracións entre compañeiras/os. Para Vitae, trátase dun profesional clave no correcto funcionamento da empresa, “un posto con mancheas de frontes abertas, suxeito á tensión continua dos resultados, das entregas, dos cambios, das esixencias, das demandas, e das présas”. Neste contexto “resulta crucial a capacidade de xestionarnos emocionalmente a nós mesmos, aos nosos equipos de traballo e á nosa contorna laboral, botando man dunha axeitada intelixencia emocional para conseguirmos os obxectivos esperados (persoais, de equipo e empresariais)”, explica a consultora galega”.
Vitae engade a este respecto que “unha mala xestión poderanos levar ao malestar, á preocupación e a unha tensión maior do desexado, producindo en nós un desgaste e un desequilibrio emocional e persoal importante”, e, ademais, “de non canalizarmos a tensión ás veces inevitábel dunha maneira axeitada, afectará negativamente ao noso estado de ánimo, ao noso rendemento, ao noso benestar e á nosa saúde mental”. Pola contra, unha adecuada xestión emocional implicará unha mellor saúde mental, maior equilibrio e benestar persoal, maior confianza e percepción de control, así como unha maior satisfacción e rendemento laboral tanto persoal como dos nosos equipos.
“Por todo isto”, explica a consultora galega, “é importante dotar aos xefes de proxecto das ferramentas de xestión e intelixencia emocional indicadas para afrontar todas estas dificultades coas que se enfrontan decote”.
Seguindo este fío, Vitae propón “un obradoiro orientado a traballar directamente con aquelas situacións que actualmente nos están xerando tensións, con aquelas situacións que nos producen un desaxuste e desequilibrio emocional importante”.

Obxectivos do curso

  • Proporcionar aos xefes de proxecto as competencias de intelixencia e xestión emocional para afrontar dunha maneira máis adecuada as situacións de tensión que se presentan no seu ámbito laboral e que xeran un desaxuste e desequilibrio persoal significativo.

  • Desenvolver a intelixencia emocional, intra e interpersoal, dos xefes de proxecto partindo das experiencias e situacións tensións ás que se enfrontan habitualmente.

  • Favorecer o rendemento laboral dos xefes de proxecto e os seus equipos de traballo desenvolvendo e potenciando competencias de intelixencia emocional.

  • Promover o benestar persoal e laboral dos xefes de proxecto, así como previr problemas de saúde mental.

Curso impartido por Pelayo Suárez

A persoa encargada de impartir estes contidos será Pelayo Suárez, psicólogo xeral sanitario, especialista en diagnóstico e educación ambiental, experto en neuropsicoloxía e mestrado en Psicoloxía da Actividade Física e o Deporte. Durante 25 anos desenvolveu o seu labor con diferentes problemáticas (ansiedade, estrés, depresión, traumas, intelixencia e educación emocional, liderado, comunicación, alto rendemento deportivo, cohesión de equipos, etc) con diferentes poboacións (adultos, adolescentes e nenos) e en diferentes contextos de vida (sanidade, empresas, universidades, deportes, exclusión social, persoas sen fogar, menores en risco, discapacidade intelectual). Traballou e colaborou tanto na clínica privada como con diversas institucións e empresas (Clínicas San Lázaro, Centro SUMA, ARCA-Gabinete de Psicoloxía, Optare Solutions, Bosch-Services and Solutions, Hospital Pedro Hispano-Matosinhos, Universidade do Minho - Braga, Centro Residencial e Ocupacional Esclavas de la Virgen Dolorosa, Centro de Acollida para Persoas sen Fogar Juan Pablo II, ASPAVI - Centro Ocupacional, Alborada - Centro de Día de Atención ao Menor, Colexio Montecastelo (Vigo), Colexio Rosalía de Castro (Vigo), Real Club Celta de Baloncesto Feminino, Federación Galega de Baloncesto, Club FLic-Flac de ximnasia acrobática así como numerosos deportistas de diferentes modalidades deportivas).