Vitae organiza en xullo a 4ª edición do seu curso sobre autocoñecemento do perfil profesional

martes, 20 de xuño do 2023 S. P.

A consultora galega Vitae achega este verán a cuarta edición dun curso que nos proporciona recursos para coñecer e calibrar as nosas capacidades e limitacións e tamén as do noso equipo de traballo, buscando sacar o mellor desa conxunción de talentos que vén a ser unha empresa. Estamos a falar do curso Autocoñecemento do perfil profesional, Psicoloxía do traballo, de 15 horas de duración. Desenvolverase en formato de aula virtual os días 10, 12, 13, 17 e 19 de xullo.
Esta actividade formativa vai directa a encher un baleiro formativo co que levamos convivindo dende hai demasiado tempo e ao que cómpre poñer remedio: a ausencia de medidas e metodoloxías psicolóxicas básicas e útiles que nos axuden a coñecernos a nós mesmos.
Segundo explica Vitae, o primeiro paso para emendar a dia eiva é afondar no autocoñecemento (imprescindíbel para traballar de maneira axeitada en equipo). “Coñecernos a nós mesmos facilitará a comprensión do noso perfil profesional e dos perfís profesionais diferentes ao noso, o que mellorará a comunicación e a colaboración, xa que se entenderán as intencións e motivacións reais das persoas con diferentes perfís, diminuíndo os conflitos debido a unha incorrecta interpretación na comunicación con outras persoas”.
En definitiva, neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento con vistas a ter unha perspectiva baseada na ciencia para marcar as pautas dun correcto camiño profesional e do traballo en equipo.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.