Vitae organiza en maio a 2ª edición do curso sobre axilidade avanzada e metodoloxías OKR
martes, 8 de abril do 2025
Vitae Consultores segue adiante este mes de maio ofrecendo aos nosos profesionais TI a formación máis avanzada e actualizada: formación imprescindíbel para gañar en eficiencia, competitividade, axilidade e capacidade de comunicación e colaboración. Sen ir máis lonxe, a consultora galega organiza os días 7 e 14 de maio a segunda edición do curso Axilidade Avanzada: OKR, de seis horas de duración e programado en formato de aula virtual con posibilidade de consultar de xeito ilimitado as sesións unha vez rematadas as sesións.
Trátase dunha actividade formativa que pon o foco, como se indica no título, na metodoloxía OKR (Obxectivos e Resultados Clave polas súas siglas en inglés), moi acaida para definir obxectivos e axudar aos equipos a establecer metas claras que se poidan calibrar.
Segundo explica Vitae, o curso adéstranos nun sistema, OKR, que nos leva directamente a pivotar a nosa acción (o traballo) cara a xeración de valor.
E engaden dende a consultora galega: “Non podemos negar que a maioría das veces, na xestión dos nosos día a día, sabemos perfectamente que é o que estamos a facer e temos que facer, pero de cando en cando somos capaces de traducir dese facer cal é o resultado que estamos a lograr. E iso levado ao mundo dos OKR esixe unha dobre obriga: por unha banda, definir e establecer os obxectivos en termos de valor que queremos alcanzar e, doutra banda, establecer a priori, e avaliando a posteriori, os resultados clave que imos ir logrando para ser conscientes de se estamos (ou non) achegándonos ao obxectivo establecido. Dito doutro xeito: saber se o noso facer está a xerar valor, ou non, en termos de resultados”. Esta seria a base para traballar sobre un sistema de OKR, sinalan dende Vitae.
Temario
Por que OKR: razóns para usar esta metodoloxía
Descubrindo OKR: elementos de construción
Aprendendo OKR: a súa definición
Ciclo OKR: fase de traballo e despregamento
A persoa encargada de impartir os contidos será Guillermo Jávega, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Valencia. Guillermo estudou Economía Internacional na Universidade de Bristol, é Máster en Xestión da Calidade Total e Desenvolvemento Empresarial pola Universidade Carlos III de Madrid e está certificado en SAFe5.0, Scrum Master, Scrum Level e Kanban. Desde hai 20 anos traballa como consultor e trainer especializado en xestión de modelos organizativo baixo principios e prácticas áxiles e innovadoras para diferentes sectores. Entre as empresas e organismos que asesorou atópase o Instituto Catalán da Saúde, Vicky Food, Ford España, AENA, Benimar, Valeo Automoción, Telefónica de España.