Vitae organiza en maio e xuño a segunda edición do curso de manexo de Flutter
martes, 23 de abril do 2024
A consultora galega, referente na capacitación dos nosos profesionais e empresas en materia de tecnoloxías avanzadas e excelencia, vai organizar esta tempada a segunda edición do curso Introdución á programación con Flutter. Será unha actividade de 24 horas de duración, a desenvolver en formato de aula virtual con clases en directo (e acceso ás sesións gravadas para a súa consulta) os días 27 e 28 de maio e 3, 5, 6, 10, 12 e 13 de xuño de 2024.
Como lembraremos, Flutter é un kit de desenvolvemento de software (SDK polas súas siglas en inglés) de código fonte aberto e con múltiples posibilidades no ámbito das aplicacións móbiles. Creado por Google, utilízase para materializar interfaces de usuario para aplicacións en Android, iOS e web.
Segundo lembra Vitae, Flutter experimentou estes últimos anos “un crecemento moi grande en canto á súa popularidade, o que se debe principalmente á súa velocidade no desenvolvemento de apps de alta calidade”.
Este curso caracterízase polo seu enfoque “eminentemente práctico”, no que os conceptos teóricos preséntanse de maneira dinámica a través de exemplos desenvolvidos en tempo real polo instrutor
durante as sesións. Os participantes terán a oportunidade de presenciar a aplicación práctica de cada concepto, seguido por exercicios guiados que les permitirán aplicar e reforzar o aprendido.
A metodoloxía de ensino céntrase na participación activa das alumnas e alumnos, que estarán inmersas/os na resolución de problemas e a creación de solucións concretas. “Esta dinámica”, sinala Vitae, “asegura que os participantes adquiran non só coñecementos teóricos, senón tamén a destreza práctica necesaria para desenvolver aplicacións efectivas con Flutter”.
O obxectivo é que, ao finalizar o curso, o alumnado non só comprenda os principios fundamentais do kit, senón que tamén desenvolva habilidades prácticas sólidas a través da aplicación directa dos conceptos en exercicios guiados e proxectos prácticos.
O curso será impartido por Eduard Carreras, licenciado en Matemáticas e mestrado en Matemática Aplicada pola Universidade de Barcelona. Posúe máis de 20 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software, destacando a súa contribución na tecnoloxía detrás da distribución de resultados para os Xogos Olímpicos en seis edicións consecutivas, desde Salt Lake 2002 ata Londres 2012. É desenvolvedor freelance na exclusiva rede Toptal especializándose no desenvolvemento de aplicacións móbiles, con varias aplicacións publicadas para Android baixo a marca Poquesoft, que suman máis dun millón de descargas en Google Play e Apple Store. Tamén publicou para iOS desenvolvementos realizados en Flutter.
Entre as empresas e organismos que asesorou atópanse Nestlé, Acció, Atos, Fluidra, La Caixa, COI, FIFA, Toptal, Bizphone, CIFO L’Hospitalet, Barcelona Activa, etc.