Vitae organiza en xuño o seu segundo curso sobre desenvolvemento seguro ante ciberataques

martes, 23 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

As empresas e as entidades de todo tipo queren profesionais especializados na vertente das novas tecnoloxías máis relacionada coa protección dos datos e das propias tecnoloxías que os acubillan. Así, a ciberseguridade non é que sexa aconsellábel para relanzar o noso currículo, é que é (e será cada vez máis) unha demanda clara e firme do mercado. Se ademais de coñecementos avanzados de cibersecurity, contamos con recursos sólidos en desenvolvemento, o currículo brillará por si só. A consultora Vitae prepáranos o camiño coa segunda edición do Curso Desenvolvemento Seguro ante Ciberataques para Java, .NET, Angular, React, iOS e Android (OWASP-PCI-DSS).
Será en Vigo no mes de xuño, os días 3, 4, 5 e 6. Entre outras cousas, poranos ao tanto das últimas metodoloxías que nos axudan a localizar posíbeis puntos febles na estrutura TIC dunha empresa e aplicar iniciativas que os emenden.
En termos máis concretos, a nova actividade formativa de Vitae diríxese a actualizar os coñecementos dos profesionais sobre as vulnerabilidades que xorden da evolución no tempo das prácticas de codificación segura asumidas polas empresas, unha transformación constante que lles obriga, máis ca nunca, a estaren preparados perante hipotéticas ameazas (riscos que atinxen non só ás prácticas en si mesmas senón tamén á propia busca dos desenvolvedores axeitados para as demandas das empresas)
Segundo engade Vitae, as vulnerabilidades identificadas nos requisitos en OWASP e PCI-DSS proporcionan un punto de partida: “É responsabilidade da organización informarse sobre as máis recentes tendencias en puntos débiles e incorporar as medidas apropiadas, en canto as prácticas de codificación segura que cubrirá axeitadamente a presente formación”. Ao abeiro do curso, faranse unha manchea de exercicios de código para a procura activa de vulnerabilidades e a súa mitigación correspondente nas linguaxe de desenvolvemento máis empregadas pola industria.
Os obxectivos da actividade formativa de Vitae son os seguintes: actualización de novas prácticas de codificación segura adaptada ao framework e a linguaxe de desenvolvemento máis empregados pola industria cubrindo a posta ao día respecto das novas ameazas detectadas até o de intre da realización do curso. Este está dirixido a programadores, analistas programadores, enxeñeiros de software, responsábeis de seguridade TI e todo profesional que teña responsabilidades no eido da seguridade dixital.
O curso, que se celebra na sede de Afundación na rúa Policarpo Sanz, terá unha duración de 20 horas en catro sesións de cinco horas.
A persoa encargada de impartir os contidos será Pedro Candel, un dos máis referenciais expertos en ciberseguridade a nivel estatal, amais de especialista en seguridade ofensiva, no achado de vulnerabilidades, en análise de software e en enxeñaría inversa. Foi docente en varios mestrados de protección tecnolóxica en diferentes universidades e é relator habitual nas principais conferencias de España, Europa e Latinoamérica no ámbito da ciberseguridade. Amais, presentou traballos de investigación en todo o mundo e ten desenvolvido auditorías de hacking ético.

PUBLICIDADE