Vitae organiza entre xaneiro e febreiro a edición 21 do seu curso de avaliación e selección de perfís TI
xoves, 4 de xaneiro do 2024
Vitae
comeza 2024 cunha nova axenda de formación útil para as empresas
innovadoras do ámbito estatal e galego. Na axenda, para estes meses
de xaneiro e febreiro, figura un curso histórico na actividade da
consultora galega: o curso Avaliación
e Selección Avanzada de Perfís TI, previsto para os días
30 de xaneiro e 1, 5, 7 e 8 de febreiro. O curso, que chega á súa
21 edición, inclúe 15 horas de formación en formato de aula en
liña.
O
curso será unha nova oportunidade para mellorar o día a día dos
responsables dos equipos humanos nas empresas tecnolóxicas e,
tamén, das persoas encargadas dos departamentos de RR HH.
Segundo
informa a consultora galega, un dos problemas máis frecuentes cos
que se atopan os profesionais de selección e avaliación de equipos
humanos reside no baleiro formativo xeneralizado que existe en
materia de ferramentas psicolóxicas básicas para avaliar a un
profesional. “Isto leva a que todo o modelo de estimación falle,
pois falla a base, é dicir, quen avalía non foi formado nin
capacitado para tal fin”, explican dende Vitae, engadindo que o
primeiro paso para calibrar o perfil dun profesional é o
autocoñecemento. En base a isto, “coñecernos a nós mesmos é
clave para lograr a meirande obxectividade na avaliación das
candidatas e candidatos”.
Neste curso proporcionaranse estas
ferramentas para o autocoñecemento profesional e para a avaliación
doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do
desempeño que se use. Amais, achegarase aos participantes a
metodoloxías e ferramentas coas “que xa se conseguiron porcentaxes
de éxito de máis do 90% en materia de selección de perfís TI
(Tecnoloxías da Información), incluíndo perfís técnicos, perfís
de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís
de alta dirección”.
O curso virá da man de Marcos
Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos
sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos.
Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e
posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é
socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa
ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha
taxa de máis dun 90% de éxito.
